REFERENTE DA ECONOMíA CRíTICA E DEPUTADO DE SYRIZA

Lapavitsas defende que para "rachar coa austeridade" Grecia debe "liberarse do euro"

É unha das principais figuras da economía crítica. Costas Lapavitsas é máis que iso: desde as eleccións de xaneiro 2015, ten un escano no Parlamento europeu, no grupo parlamentar de Syriza. Esta segunda feira publicou un artigo en The Guardian. El non se move das súas posicións de esquerda radical: para rachar coa austeridade, Grecia debe saír do euro.

Costas 1
photo_camera Foto: ThePressProject

Lapavitsas fai unha valoración moi crítica do acordo selado a segunda terza 24 de febreiro entre o Eurogrupo -os ministros de Finanzas da Eurozona- e o novo goberno grego, en función do cal o segundo resgate do país heleno -pactado no seu momento pola direita de Nova Democracia- se prorroga durante 4 meses, até finais de Xuño.

"O acordo asinado entre Grecia e a UE após tres semanas de vivas negociacións é un compromiso obtido baixo unha coacción económica", comeza por afirmar Lapavitsas -profesor de Economía da Escola de Estudos Asiáticos e Africanos da Universidade de Londres- nunha columna de opinión publicada esta segunda feira 2 de Marzo en The Guardian, baixo o esclarecedor título de "Para derrotar a austeridade, Grecia debe liberarse do euro".

Trouxo algo de bon para Grecia o seu acordo co Eurogrupo? A xuízo de Lapavitsas -referente do sector crítico de Syriza-, o único que conseguiu Atenas foi "manterse vivo e pronto para pelexar outro día". Outro día que está moi próximo no tempo. Só comprou tempo a dupla Varaoufakis/Tsipras, vénnos dicer o autor de Profiting Without Producing: How Finance Exploits Us All. Tempo que se esgotará en 4 meses...e outravolta a negociar baixo a presión dos mercados e de Bruxelas/Berlín.

Só comprou tempo a dupla Varaoufakis/Tsipras, vénnos dicer o autor de Profiting Without Producing: How Finance Exploits Us All

Enfatiza Lapavitsas que Syriza aceita na práctica a supervisión do resgate por parte das agora chamadas "institucións", isto é, a antiga Troika, a trepia composta pola Comisión Europea, o Banco Central Europeu e o Fundo Monetario Internacional. "O país [Grecia] foi forzado a declarar que respeitará todas as súas obrigas cos seus credores e que o fará integra e puntualmente".

O acordo Eurogrupo-Atenas visaría a consecución de "apropriados" superávits primarios [a diferenza entre ingresos e gastos por parte do Estado grego sen ter en conta o pagamento dos xuros]. Isto provocaría necesariamente o abandono por parte de Syriza de "accións uniltarais" que puidesen ter impacto negativo nos "obxectivos fiscais". Ou sexa, a coligazón da esquerda radical tería que manter no conxelador compromisos eleitorais -aqueles que a levaron a gañar as eleccións- como a redución dos impostos para as clases populares, a elevación do salario mínimo, a reversión das privatizacións e o alivio da crise humanitaria.

Tudo isto leva ao economista a proclamar que "o goberno de Syriza ten pago un alto prezo para se manter vivo". "As cousas vanse pór aínda peor dado o lamentábel estado da economía grega", argumenta Lapavitsas, quen relaciona a seguir os trazos básicos da situación: "O crecemento en 2014 foi un raquítico 0,7%, e aínda por cima o PIB rexistou unha queda no último cuarto do ano. A produción industrial caíu o 3,8% en decembro, e até o fixeron tamén as vendas minoristas, un 3,7%, mesmo tendo en conta que estabamos en decembro". E aínda hai máis: en xaneiro, os prezos viñéronse abaixo e caíron un 2,8%. A economía está nun virtual estado de colapso e deflación. 

Todo iso a consecuencia da austeridade, do resgate, resgate que agora Atenas se viu forzado a prorrogar por espazo de 4 meses.

"A estratexia de agardar por cambios radicais dentro do marco institucional da moeda común ten chegado ao seu final"

Lapavitsas entende que os próximos 4 meses serán de "constante loita" por parte de Syriza para tentar achar algunha marxe que lle permita pór en marcha parte do seu programa. Mais, engade, "hai pouca dúbida de que o goberno enfrentará dificuldades aínda maiores á hora de aprobar a revisión de abril por parte das institucións[o acordo co Eurogrupo está condicionado á luz verde da antiga Troika]". 

Esta é a situación. Grecia atrapada na trampa da austeridade e sen apenas espazo para saír dela, así que Lapavitsas se pergunta: "Como Syriza, que deberíamos facer e que podería facer a esquerda europea para nos axudar?". A resposta que dá o economista é asumir que "a estratexia de agardar por cambios radicais dentro do marco institucional da moeda común ten chegado ao seu final".

Esa estratexia foi exitosa ante as urnas -"deunos un suceso eleitoral ao prometermos liberar o pobo grego da austeridade sen termos que soportar unha queda maior dentro da eurozona"-, mais os últimos acontecimentos teñen mostrado "alén de calquer dúbida" que isto é "imposíbel e que é tempo de recoñecermos a realidade".

"A eurozona non pode ser reformada e non se vai converter nunha amigábel unión monetaria que poda dar soporte á clase traballadora"

Para Lapavitsas, o goberno grego debe mudar de actitude e "para evitar o colapso ou a rendición total" debe ser "verdadeiramente radical". E o radicalismo pasa por asumir que "a eurozona non pode ser reformada e non se vai converter nunha amigábel unión monetaria que poda dar soporte á clase traballadora".

O que reclama o economista ao seu propio partido é que aplique o programa con que se apresentou ás eleccións -prohibir os despexos, introducir quitas á débeda, reconectar as familias coa rede eléctrica, elevar o salario mínimo, frear as privatizacións e enfrentar a negociación de xuño cunha mentalidade moi distinta á de febreiro.

E para concluír, fai tamén un chamado á "esquerda europea", á que lle demanda que comece a "propor políticas sensíbeis que permitan de vez liberar a Europa do absurdo en que se ten convertido a moeda común".

Comentarios