Os laboristas de Corbyn comprométense a suprimir o ensino privado

O xiro á esquerda do Partido Laborista baixo o mando de Jeremy Corbyn consolídase. A conferencia anual da organización, especie de congreso de definición programática que estes días decorre en Brighton (Inglaterra), confírmao. Entre as liñas políticas aprobadas atópase a supresión do ensino privado a través da súa integración no sector público.
corbyn
photo_camera O líder laborista Jeremy Corbyn. Foto: cedida.

A moción aprobada o domingo 22 de setembro foi promovida pola plataforma Abolir Eton. Laboristas contra as Escolas Privadas (Abolish Eton. Labour Against Private Schools), movemento militante de base cuxo nome refire o coñecido centro de elite. Defendeuna a deputada e ministra de Educación do chamado Goberno na sombra Angela Rayner. “Faremos todo o sistema educativo máis xusto a través da integración das escolas privadas”, sinalou.

O documento obriga a que o Partido Laborista inclúa a proposta no seu vindeiro programa electoral. “Antes da elección de Corbyn [como líder da formación], viviamos baixo a ditadura do non hai alternativa”, expuxo nas redes sociais a plataforma contra o ensino privado, “mais el inspirounos a crer que podiamos rematar co dominio das nosas elites educadas en centros privados”.

A nacionalización do ensino pasa para os laboristas por lle retirar a consideración de “organización caritativa” e recuperar para o público as súas “dotacións, investimentos e propiedades”. Ademais, limitarán a proporción de estudantes procedentes do ensino privado nas universidades a un 7%. Esta é a porcentaxe de británicos que asiste a escolas privadas.

Angela Rayner tamén advertiu contra as “lagoas” nos impostos que benefician as escolas privadas e prometeu que, nos primeiros orzamentos dun futuro Goberno laborista, desaparecerán. “Usaremos eses cartos para mellorar as vidas de toda a infancia”, concluíu.

Comentarios