Kobane, entre o ISIS e o medo de Turquía a un Curdistán unido

A confrontación das unidades de autodefensa curda popular (YPG) e o ISIS pon en evidencia o papel doutros actores sobre o terreo, entre eles, Turquía.

Milicias Curdas

Para comprender o que está a acontecer en Kobane é preciso remontarse ao comezo do conflito sirio. Esta cidade --de maioría curda-- foi, após estourar a guerra, liberada polas Unidades de protección curda popular (YPG). Desde hai dous anos desenvolve un proxecto político transformador que se sitúa no cerne da situación xeo-política actual. 

Kobane constitúe un dos tres cantóns autónomos que conforman Rojava --ou Curdistán sirio: Afrin, Kobane e Djezireh. Habitada por volta dunhas 50 mil persoas antes de comezar o asedio, neste territorio convive poboación curda, árabe-musulmá e cristiá-armenia ou asiria.

Un proxecto político transformador e popular

Desde a súa liberación, Rojava representa un modelo de democracia popular baseada na autoxestión dos seus tres cantóns e cun réxime de goberno alicerzado en asembleas populares, multiculturais e multirrelixiosas. Segundo explica o escritor e investigador Pepe Escobar nun artigo publicado por Rebelion.org, "os tres máximos funcionarios" de cada territorio "son un curdo, un árabe e un cristián asirio ou armenio e, polo menos, un dos tres ten que ser unha muller. As minorías curdas teñen as súas propias institucións" e nelas respéctanse os seus idiomas. Aliás, consellos de mulleres e xuvenís despréganse por toda Rojava xunto coas propias milicias. 

Rojava representa un modelo de democracia popular baseada na autoxestión alicerzada en asembleas populares, multiculturais e multirrelixiosas

No decorrer do conflito sirio, a forza política maioritaria, o Partido da Unión Democrática (PYD) --rama siria do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK)-- mantívose á marxe dos dous grandes bandos. Ese feito permitiulle avanzar na unificación da Rojava e na posta en andamento do seu propio proxecto político e territorial. Un proxecto que visa desafiar a "hexemonía do sistema capitalista de nación-estado" para alén da propia Rojava, como explicou o activista curdo, Kenan Kirkaya, nun artigo publicado no portal de información Gündem

O simbolismo de Kobane para o ISIS

A existencia deste proxecto político é o que tornou a Kobane nun obxecto máis simbólico que estratéxico para o Estado Islámico (ISIS), unha organización yihadista e suní que xurdiu de entre as tropas rebeldes erguidas contra o réxime de Bashard Al-Assad e financiada como parte da "resistencia siria", durante un tempo, polos propios Estados Unidos. 

O ISIS ou EI visa a constitución dun califato que abrangue territorios árabes de maioría musulmá que pretende unificar baixo o mandato de Abu Bakr al-Baghdadi, o 'califa'. O asedio sobre Kobane non responde a un interese xeo-estratéxico para o ISIS. Un feito que foi sinalado mesmo polo secretario de Estado dos EUA, John Kerry, causándolle importantes críticas. Kobane é un territorio fundamentalmente agrario, sen grandes infraestruturas e, sobre todo, sen petróleo. O interese do ISIS reside no simbolismo da cidade. 

O asedio sobre Kobane non responde a un interese xeo-estratéxico para o ISIS, senón simbólico. Queren "escravizar" ou "masacrar" o pobo, nomeadamente as mulleres

Até o momento as Unidades de protección curda popular (YPG) venceron sobre o terreo ás milicias do ISIS. A vitoria máis sonada foi a liberación da poboación yazadí asediada pol@s islamistas no Monte Sinjar. A grande imprensa occidental coreou os logros das bombas lanzadas polo exército estadounidense, mais foron as guerrillas curdas as que conseguiron franquear o cerco do Estado Islámico e abrir unha vía de saída para milleiros de familias desta minoría relixiosa siria. 

O obxectivo do ISIS é, pois, "masacrar" e/ou "escravizar" --como afirmaron en diversas comunicacións difundidas através da rede-- a poboación curda e, nomeadamente, as mulleres. Trátase en boa medida dunha limpeza étnica e relixiosa dos territorios que arrasan. E, ao mesmo tempo, elas tórnanse nun importante símbolo da resistencia curda ao conformaren milicias feministas que combaten na primeira liña de fogo. Coñécense como Milicias Estrela YPG --Unión de Mulleres Libres. 

O medo de Turquía a un Curdistán unido

Porén, non combaten unicamente contra o asedio do ISIS. O pobo curdo loita simultaneamente contra un duplo inimigo: Turquía. 

A difícil situación que atinxe Kobane desde hai máis de 40 días débese en boa medida ao rexeitamento de Ankara e do goberno de Erdogan a permitir a entrada de axuda humanitaria, armas e máis milicias curdas desde Turquía. No entanto, a súa actitude non é nova.

Turquía mantén fechada a súa fronteira para o pobo curdo, no entanto, actúa desde hai anos como coador para a yihad

Ao longo dos últimos dous anos, desde o estourido do conflito sirio, a fronteira turca tornouse un coador para a yihad. Desta maneira Erdogan non só move as súas fichas no taboleiro interior sirio, senón tamén a respeito do Curdistán. O temor a que o proxecto político-territorial que representa Rojava poida dar azos á loita pola liberación nacional do pobo curdo en Turquía e o Iraque, preocupa máis a Ankara que o propio ISIS. 

Porén, esta arma ten un dobre gume e é que a caída de Kobane e con ela dos demais cantóns de Rojava poderían significar o fin do proceso de negociación iniciado entre o Partido dos Traballadores de Curdistán (PKK) e o goberno turco, o que significaría o re-inicio da loita armada, até o momento paralizada. 

Polo de agora, Turquía relaxou minimanente a súa postura e permitíu a entrada de milicias curdas procedentes do Iraque, através das súas fronteiras. Un feito que, cando menos, axudará a frear o avanzo do ISIS e a permitir que o proxecto dun pobo curdo libre e unido poida sobrevivir. 

Comentarios