A Knesset recibe o encargo de formar Goberno en Israel

O presidente Reuven Rivlin tomou a decisión tras fracasaren os intentos de último minuto de Gantz por pechar un acordo de coalición co primeiro ministro, Benjamin Netanyahu.

gantz-rivlin
photo_camera A esquerda, Benny Gantz, e á dereita, Reuven Rivlin (Mark Neyman / GPO)

O presidente de Israel, Reuven Rivlin, encargou formalmente á Knesset (a Asemblea) a formación do Goberno co fin de evitar as que serían as cuartas eleccións nun ano despois de o líder da oposición, Benny Gantz, ser incapaz de formar unha coalición no prazo previsto.

"Agardo que os membros da Knesset sexan capaces de formar unha maioría de forma que se poida formar un Goberno canto antes e evitar unha cuarta rolda de eleccións", sinalou Rivlin, horas despois de que os intentos de último minuto de Gantz por pechar un acordo de coalición co primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, fracasasen.

Na carta que enviou a Gantz en ─presidente da Knesset─ para notificarlle a súa decisión, Rivlin explicou que non vía "a posibilidade de formación de Goberno" nos esforzos que o líder de Azul e Branco e Netanyahu estaban a manter, por iso optou por trasladar o encargo ao Parlamento.

Ábrese agora un prazo de 21 días en que calquera deputado poderíase presentar como candidato a primeiro ministro, a condición de que obteña o respaldo dunha maioría de deputados. De conseguilo, tería un prazo de 14 días para formar Goberno mais de non ser posíbel, a Knesset disolveríase de forma automática e Israel iría a novas eleccións.

Os partidos de Netanyahu e Gantz anunciaron a última hora da cuarta feira que os esforzos para selar un acordo de coalición foran infrutuosos. Con todo, dixeron que continuarán coas negociacións para estabelecer un Goberno de urxencia co que facer fronte á crise pola pandemia.

Diferenzas na negociación

As partes lograran nos últimos días acordos en torno a asuntos polémicos, incluída unha potencial anexión de partes de Cisxordania a raíz do coñecido como "acordo do século", proposto polos Estados Unidos.

Con todo, os medios israelís apuntaron que un dos principais temas de disputa era a petición do Likud de vetar as designacións xudiciais, e a vontade de Netanyahu de garantir que o Tribunal Supremo non lle puidese arrebatar o poder polas acusacións de corrupción que pesan na súa contra.

As negociacións tamén puideron estancarse logo de que o partido que lidera Netanyahu exixise, segundo apuntou o diario Jerusalem Post, conservar o Ministerio de Asuntos Exteriores, ao que Azul e Branco respondeu pedindo a cambio a titularidade doutra carteira de igual peso político. Tamén hai diferenzas polo control da carteira de Xustiza.

Comentarios