A CASA ROSADA VE INTENCIóNS GOLPISTAS EN SECTORES DA ESPIONAXE

Kirchner liquida a Secretaría de Intelixencia, a quen atribúe unha conspiración

O suicidio do fiscal Nisman non foi tal (en todo caso, sería un suicidio instigado) e sectores da Secretaría de Intelixencia conspiran contra o goberno democrático. Iso é o que sostén Cristina Fernández Kirchner.

kirchner

A eliminación física do fiscal Nisman -o día antes de comparecer no Congreso, após denunciar a presidenta da Arxentina por supostamente encobrir os terroristas responsábeis do atentado de 1994 que matou 85 persoas da comunidade xudea de Bos Aires- sería un elo dunha operación de ar golpista dirixida a desestabilizar o país e a desprazar do goberno a líder peronista (a escasos once meses das eleccións presidenciais de decembro).

Esa é a tese que sostén a Casa Rosada desde que a opinión pública recebeu conmocionada a noticia da morte en estrañas e violentas circunstancias do fiscal Alberto Nisman.

No entorno político e mediático de Kirchner mantense que Nisman era un pión de Antonio Stiusso, chefe de operacións da SIDE (Secretaría de Intelixencia) a quen a presidenta de Arxentina purgou en decembro pasado. Stiusso sería, para entendernos, o home de Washington e Tel Aviv nos sumidoiros da espionaxe arxentina.

Agora, Cristina Fernández Kirchner dá un paso máis e decide liquidar a SIDE para criar ex novo unha Axencia Federal de Intelixencia. A líder peronista convocou o Congreso a unha sesión extraordinaria para, xa o 1 de febreiro, aprobar o proxecto de modificación da Lei Nacional de Intelixencia que posibilite estas mudanzas.

Así pois, recrúa a guerra aberta entre sectores da intelixencia vinculados aos EUA e Kirchner. Hai moitos pontos escuros aínda por esclarecer. Antonio Stiusso continúa libre e sen cargos. As próximas horas poden ser decisivas para a resolución dun caso que xa a está a condicionar, e veremos en que sentido, as perspectivas eleitorais de decembro.

Comentarios