Só en papel

Kiev viola a tregua cunha nova escalada no Donbass

Os acordos de Minsk II, asinados en febreiro de 2015, continúan a ser incumpridos. O goberno de Ucraína iniciou a finais de xaneiro unha nova ofensiva militar contra as repúblicas populares de Donetsk e Lugansk. Publicamos unha reportaxe sobre a nova escalada no Donbass no Sermos Galiza 234.

A pouco de se faceren dous anos da sinatura dos acordos de Minsk II, que deberían trazar o vieiro até a paz definitiva no Donbass, a ofensiva emprendida polo goberno golpista de Kiev traduciuse nunha escalada do conflito que ameaza co retorno do enfrontamento armado. No que vai de ano, máis de 40 persoas perderon a vida por causa dos ataques do exército ucraíno e dos batallóns paramilitares fascistas que Kiev protexe. A finais do mes de xaneiro o exército ucraíno iniciaba unha ofensiva contra posicións das repúblicas populares de Donetsk (RPD) e Lugansk (RPL), defendidas por milicias populares antifascistas. A cidade de Avdéevka foi o principal albo.

4Os ataques de artillería deixárona privada de enerxía eléctrica e auga quente, creando unha crise humana que estivo a piques de provocar o desprazamento forzoso de toda a súa poboación. Nos seus ataques Kiev lanzou máis de mil proxectís contra o territorio da RPD. Para alén das vítimas mortais e das persoas feridas, provocaron importantes danos materiais, tanto en vivendas como en dotacións esenciais, como unha escola e un hospital. A intensidade dos ataques ucraínos foi tal que o reporte diario da misión especial observadora da OSCE contabilizou só durante o día 2 de febreiro máis de 10 mil explosións. Até o 9 de febreiro rexistráronse 42 mortes e 94 persoas feridas só en Donetsk. Dentro desta escalada a RPD inclúe o ataque terrorista contra o seu comandante Mijaíl Tolstyj, coñecido sob o alcume de ‘Guivi’, e que lle custou a vida nunha operación que, segundo Donetsk, só procuraba “desestabilizar” a resistencia antifascista.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 234, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios