Kavita Krishnan: "Temos que defender os dereitos das mulleres sen medo"

A crecente indignación popular na India após o asasinato dunha moza en Nova Delhi, reflicte o clamor das mulleres contra todas as formas de violencia exercidas, neste país e en tantos outros. 
Manifestación en Nova Dheli
photo_camera Manifestación en Nova Dheli

As masivas mobilizacións decorridas ao longo dos últimos días na India reflicten que o acontecido a pasada semana coa morte dunha estudante após ser violada, foi a faísca que acendeu un conflito longamente silenciado. Neste senso, Kavita Krishnan, secretaria da All India Progressive Women’s Association (AIPWA) e editora da publicación Liberation do Partido Comunista da India; denuncia a inacción do goberno fronte aos abusos e violencias exercidas contra as mulleres, mais tamén exixe --xunto a outras moitas activistas-- a necesidade dunha urxente transformación social que rache coa lexitimación enquistada das violacións na India.

Violacións que son xustificadas polas autoridades

Kavita coñece ben a realidade das mulleres do seu país e enumera infinidade de casos en que mozas violadas, foron acusadas de seren responsábeis da súa propia violación polas autoridades policiais e gobernamentais. Sowmya Visvanathan, xornalista, foi asasinada a tiros hai uns anos na capital da India. Após a súa morte, a policía asegurou que "Sowmya fora unha atrevida ao estar na rúa ás tres da madrugada", relata nun artigo publicado pola activista en Carta Maior. Thangjan Manorama Chanu de Manipur foi violada e asasinada (con disparos nos xenitais) por soldados, o goberno negouse a xulgalos argüíndo que os membros do exército non poden ser sometidos a un procesamento penal de acordo que marco normativo que regula --e protexe-- ás Forzas Armadas. De igual maneira lles aconteceu a Neelofer e Aasiya --menores de idade-- violadas e asasinadas por membros do exército na rexión de Cachemira. Os culpábeis nunca foron xulgados.

Kavita: "As violacións son a forma patriarcal de castigar ás mulleres por ser o que son e a maneira de (re)afirmar a dominación masculina"

"As violacións son a forma patriarcal de castigar ás mulleres por ser o que son e a maneira de (re)afirmar a dominación masculina", denuncia Kavita quen acrecenta, "a violencia sexual é de facto unha forma de impor a disciplina patriarcal ás mulleres", ao empregar o "medo" a seren violadas como un elemento de control e dominación machista exercida contra calquera muller que procure desafiar as regras do patriarcado.

A sociedade ampara e lexitima a violencia contra as mulleres

Neste senso, as mozas son privadas de estudaren nunha universidade afastada da súa casa ou obrigadas a empregaren unha determinada vestimenta en aras dunha posíbel violación. Así o denuncia Kavita Krishnan quen asegura que "os pais están utilizando o caso da violación de Nova Dheli como un exemplo do que pode acontecer cando se sae de paseo". Desta maneira, a violencia sexual e "as medidas para combatela exalan, afirma Kavita, un ar saturadamente patriarcal", pois a sociedade normalizou, aceptou e xustificou o feito de impor férreas restricións ás mulleres que "demostren non incitar á súa propia violación". Segundo o goberno "se as mulleres saen soas á rúa ás dúas da madrigada, non deben queixarse da súa inseguridade", recolle a activista india.

"Hai que desenvolver mudanzas en todos os niveis do sistema"

Aliás, a negación da xustiza xunto coa hostilidade amosada "polos partidos políticos dominantes e a maquinaria estatal" fronte aos movementos feministas, contribúen á perpetuación desta espiral de violencia contra as mulleres que somentes poderá ser mudada, afirma Kavita, a través da exixencia "de mudanzas en todos os niveis do sistema". Non só será preciso un cambio lexislativo que penalice a violación --como aseguran desde a imprensa transnacional após o asasinato acontecido en Nova Dheli, senón que será fundamental a formación e o desenvolvemento de mecanismos que rachen coa "cultura xusificativa da violencia de xénero", asevera Kavita.

Porén, apunta, para conseguilo, será preciso que "cando as persoas saian á rúa, berremos as nosas consignas: defendamos o dereito á liberdade das mulleres sen medo!".

Comentarios