CRÓNICA/SERMOS EN CATALUNYA (VII)

Karma Peiró, directora de Nació Digital: “A xente quere contrastar máis”

Conversamos con Karma Peiró, directora de Nació Digital, hai uns días, apenas comezada a campaña. Non foi unha entrevista en clave de agoirar cómo ían transcorrer estas semanas, mais adiantou feitos que xa se estaban a producir e que este tempo electoral non fixo máis que confirmar. 

Karma Peiró, directora de Nació Digital

Esta mesma terza feira, que se apagarán os focos e as proclamas para entrar nesa xornada anacrónica chamada de “Reflexión”, atopamos os seguintes titulares:

-Unha denuncia da ANC polo número de contas independentistas de twitter que foron bloqueadas

-Unha escolma das mellores faixas e cartaces cos que a sociedade civil sortea a prohibición da cor amarela en defensa dos presos políticos.

Karma explicábanolo cando lle preguntamos polo papel dos medios dixitais durante o procés que, sobre todo no caso de Nació Digital, experimentaron un crecimiento exponencial de visitas e seguimento moi importante, chegando a ser líderes neste momento no caso de Nació. “Todos gañamos audiencia –di- As redes sociais e mesmo o Whatsapp convertéronse en auténticos medios de comunicación porque a xente quer contrastar máis e iso fai, a viralidade, que acaben chegando máis a nós fronte aos medios tradicionais”.

Karma Peiró, directora de Nació DigitalRecoñece que o cidadán ten interiorizado en certa maneira todo o que está a acontecer e que non se vive no estado de crispación que trasladan os medios do Estado, mais iso non quere dicir que a sociedade catalá non sexa consciente do que hai –asegura- ao tempo que nos explica que si se dan máis as conversas políticas, aínda que sobre todo nos traballos. “Hai unha mobilización importante na rúa porque máis alá da política hai medidas que realmente non se entenden, como a prohibición da cor amarela ou o grao de intervención e persecución dos medios”. 

“Acabará tendo que estudarse en clases de socioloxía”, ironiza a respecto da reacción que o goberno español ten provocado co asunto do groc [amarelo]. 

​Neste sentido, semella que do mesmo xeito que se di que “o PP é unha fábrica de independentistas”, co tema dos lazos e o amarelo está a acontecer algo parecido. Polo que nos conta, xente que non tiña nin unha prenda desa cor no armario, agora inclúea como acto de protesta, non tanto, ou só, como apoio aos presos, senón como reacción ao que aquí se vive como unha nova afrenta do Estado. Mais este xeito de identificación tamén ten riscos, pois o mesmo pagan xustos por pecadores. Karma exemplifícao coa seguinte anécdota: “Nun debate recente no que estabamos directores e directoras de diferentes medios de comunicación, alguén dirixiuse a unha señora do público asumindo que era independentista”. E que pasou? Que a muller negou a maior, pero o que a interpelou concluiu tal feito da roupa que levaba, amarela, obviamente.

Para Karma, non é o escenario máis difícil no que tivo que lidar até o de agora, pois chegou á dirección xusto após o 27S e aí están tamén os atentados do verán, que non foron doados e menos no actual contexto, mais si recoñece a “excepcionalidade” do momento e o “surrealismo” de moitas das cousas que están a pasar e das medidas que se están a adoptar.

Non se molla nin no resultado, “porque ninguén sabe que vai pasar”, nin nos plantexamentos de campaña de cada formación, aínda que coincide con nós en que as posturas equidistantes non as entende ninguén en Catalunya, restándolles importancia, iso si, “porque sempre fan o mesmo, agardar”.

Karma Peiró, directora de Nació DigitalTampouco entra nas liñas editoriais de cada medio, nin siquera no posicionamento explícito que adoptou El Periódico, só critica, iso si, que alén da editorialización, que é respectable nun medio privado, non se deixe traballar e insiste nos 110 casos de persecución a medios denunciado polo Observatori de MediaCat ou o que está a acontecer con TV3, que leva xa acumuladas 10 denuncias da Xunta Electoral.

É un enfrontamento, de todos os xeitos, máis entre os medios de Madrid e os de Catalunya do que entre os de aquí, condicionados, obviamente, polos intereses e o relato que mellor lles vén aos partidos estatais. Nas caravanas, de feito, e con independencia da ideoloxía do xornalista e do medio, así como da formación que toca seguir, a convivencia e o compañerismo é total. Ri porque, casualmente, acababa de deixar unha xornalista pouco antes de atender a Sermos Galiza, que lle contaba o bo rollo que había e o ben que o estaba a pasar cubrindo a campaña.

Esta fractura da que nos fala entre Madrid-Cat puido comprobarse no distinto tratamento que deron os medios dun lado e doutro a respecto dos dous debates electorais que tiveron lugar o pasado domingo en La Sexta e esta segunda feira en TV3 cos 7 candidatos e candidatas. Mentres en Catalunya os titulares foron máis fieis ao acontencido e salientaron as diferenzas entre os dous blocos -pro e anti 155-, os que se trasladaron á maioría de España foron fieis ao relato “do medo” ante o separatismo ou a unha suposta fractura entre os partidos independentistas que fará definitivamente ingobernábel este país e obrigará a unhas novas eleccións.

Certo que nos últimos días hai unha pequena pugna entre ERC e PdeCat por quen debe ostentar a presidencia do Govern en caso de gañar finalmente as eleccións, mais só hai que ver o último minuto de Marta Rovira no debate de TV3 –no que, por certo, deu unha lección a todos os que tentaron desautorizala logo do cara a cara con Arrimadas; lección non só de rigor e argumentos, senón de que tamén pode dominar o medio- e comprobar que son xogos electorais. O mesmo que a posición da CUP sobre a unilateralidade. Non hai que esquecer que os debates duraron dúas horas, un visionado íntegro dos mesmos, especialmente do de TV3, deixou ben en evidencia a boa disposición das tres forzas antimonárquicas a chegar ao entendemento necesario após 21D fronte a un outro bloque que está a dalo todo nestas últimas horas: con pílulas para desinfectar, chascarrillos sobre as Diplo-Cat en liquidació, publipropaganda de aumento do salario mínimo, oportunismo sobre a violencia machista ou desembarco de premios Nóbel con papeis en Panamá e líderes europeos a costa do Ibex 35

Como se pode ler nun dos chíos de Gabriel Rufián, punzantes pero atinados: “As súas teles din unha cousa, as nosas rúas dirán outras”. Sexa como for, xa non queda nada para saír de dúbidas.

Notas: As fotos 1 e 2 son de Nació Digital, en tanto que a 3 é de Catosfera.Cat

Comentarios