JxCat ve "155 razóns" para votar non á investidura

Con Sánchez na Moncloa a represión en Catalunya foi a máis, así que non existen argumentos para desde o grupo parlamentar de Junts per Catalunya se votar favorabelmente a investidura de Pedro Sánchez. Nestes termos expresouse na tribuna Laura Borràs, a portavoz da formación liderada por Carles Puigdemont.
Borràs
photo_camera Borràs

O discurso de Borràs tiña dous destinatarios. O obvio, Pedro Sánchez. O relativamente encuberto, Gabriel Rufián. O non á investidura é inequívoco, en contraste coa abstención insinuada por ERC e declarada explicitamente por EH Bildu. "Hai 155 motivos para votar non á investidura", dixo Borrás desde a tribuna, e a seguir perguntouse por que JxC tería que votar si "se con vostede se ten incrementado a represión".

"A represión que padecemos", estendeuse, "ten cifras e xa logo levamos 1.000 encausados", engadiu a portavoz do que se reivindicou como a formación independentista con máis escanos no Parlament [non así no Congreso, superados por ERC].

Na súa réplica, Sánchez situou a discrepancia con JxCat nunha cuestión filosófica de fondo. "Vostedes consideran que este Congreso non ten lexitimidade e que é unha institución dun Estado represor herdeiro da ditadura. Nós, en troca, consideramos que España é un estado social e democrático de dereito. Unha das 20 democracias máis avanzadas do mundo".

Sánchez ve na traxectoria recente de JxCat unha "emenda á totalidade" ao legado do partido que a precedeu na historia do nacionalismo catalán, a antiga Convergència, unha formación que, lembrou, traballou no marco constitucional e estatutario.

O candidato socialista non citou na súa intervención directamente o artigo 155, mais reservou para o final do seu discurso unha carga de profundidade: "O xa o voltaremos a facer [en alusión ao compromiso de Torra de retomar a vía unilateral] xa lle adianto que non vai ocorrer".

Comentarios