JXCat ofrece á CUP unha cuestión de confianza no ecuador do mandato para facilitar a investidura

Novo momento en Catalunya para tratar de desbloquear a investidura. Desta vez, Junts per Catalunya ofrécelle á CUP unha cuestión de confianza no medio da lexislatura a cambio do seu apoio para investir president da Generalitat.

Puigdemont en Bélxica
photo_camera Puigdemont en Bélxica

Junts per Cataluña vén de lle ofrecer á CUP unha cuestión de confianza no medio da lexislatura a cambio do seu apoio á investidura. Así o asegura o diario catalán Ara.

Esta cuestión de confianza serviría para controlar o cumprimento dos acordos, entre os cales estaría a constitución do Consello da República no exilio e mais o proceso constituínte que acabaría nun “proxecto de Constitución” e nunha “multiconsulta”. Con este mecanismo, a CUP podería fiscalizar o desenvolvemento dos acordos.

JxCat move, así, ficha para avanzar na investidura cando están a piques de se facer tres meses de bloqueo político após as eleccións do 21 de decembro. Até que non se poña en marcha a maquinaria dunha nova lexislatura non se levantará a intervención da autonomía por parte do Goberno central.

Comentarios