JxCat mantén viva a opción Puigdemont mais sen renunciar ao "plano D"

Puigdemont continuará no centro do cenario. Así o decidiu o grupo parlamentar de Junts per Catalunya na súa cimeira deste sábado en Berlín. Nela decidiuse tentar unha nova sesión de investidura co president no exilio como candidato. Iso non significa que JxCat renuncie ao seu "plano D" se, como é verosímil, o Estado torpedea, máis unha vez, a operación Puigdemont.

Puig
photo_camera Puigdemont e Artadi en Berlín [Foto: NacióDigital]

Nos últimos días producíronse dous feitos moi relevantes no serial do procés. O primeiro, a decisión do TC de admitir a trámite o recurso do Goberno español, formulado xa en xaneiro, contra a candidatura de Puigdemont. O segundo, posterior a este, a reforma por parte do Parlament -na sesión plenaria desenvolvida quinta e sexta feira pasadas- da Lei de Presidencia. Unha mudanza legal que en teoría permitiría a investidura a distancia do president no exilio.

JxCat entende que o veto do TC non é aplicábel á un novo asalto de Puigdemont á presidencia pois a admisión a trámite do recurso produciuse días antes de o Parlament modificar a Lei de Presidencia. Existiría agora un marco legal que si permitiría a investidura a distancia do político de Girona.

É moi dubidoso que o TC vaia ficar de brazos cruzados se finalmente Roger Torrent -presidente do Parlament- volta a convocar unha sesión plenaria para investir Puigdemont. O probábel é que faga valer a súa xurisprudencia -o criterio de que o candidato debe estar fisicamente presente no hemiciclo- e, destarte, volte a interpor un veto.

Nese cenario, que faría JxCat? Segundo o seu portavoz Eduard Pujol, voltarían a pór en xogo a opción de Jordi Sànchez, xa ensaiada sen suceso. As cartas están marcadas, así que a Fiscalía e TC tampouco farían viábel a investidura do preso de Soto del Real. Daquela? Daquela -e segundo as fontes de JxCat consultadas por NacióDigital- abriríase paso o "plano D" -o A era Puigdemont, o B Sànchez, o C Jordi Turrull- e a forza soberanista proporía un candidato libre de sospeitas xudiciais. Aquí Elsa Artadi -que en Berlín apareceu á beira de Puigdemont- continúa a ser a pre-candidata mellor colocada.

O que ninguén quer son eleccións antecipadas, aínda que só sexa porque os agoiros demoscópicos non son neste momento favorábeis para as forzas independentistas.

Comentarios