JxCat e ERC chegan a un acordo sobre os meios públicos e abren a porta á investidura de Sànchez

A negociación arredor do control dos meios de comunicación públicos costuma ser un dos principais cabalos de batalla na xestación dun goberno de coligazón. Segundo ElNacional.cat, xa hai acordo e, portanto, desatáscase un dos principais atrancos na negociación da investidura. Jordi Sànchez, o ex presidente da Assemblea Nacional Catalana, en Estremera desde mediados de outubro do pasado ano, perfílase como o candidato de consenso do bloco soberanista para asumir a xefatura do goberno catalán. VÍDEO NO INTERIOR.

Acordo entre JxCat e ERC para se repartiren os postos chaves no organigrama dos meios de titularidade pública cataláns. A entente desatasca todo o proceso conducente á investidura do president da Generalitat, posto en risco a semana pasada por discrepancias xusto nesta materia. O pacto é formar un goberno de simetría perfeita, idéntico número de cadeiras para cada formación política, e mesma percentaxe de gasto pública para xestionar.

En virtude do pacto -revelado por ElNacional.cat- a presidencia da Corporació Catalana de Mijtans Audiovisuals irá recaer nunha persoa da órbita de ERC. En troca, JxCat designará o xefe de informativos da TV3, cargo que na pasada lexislatura foi ocupado por un xornalista afín á formación republicana. ERC proporá un profisional para a dirección de Catalunya Radio, mentres que as direccións da TV3 e dos servizos informativos da radio pública catalá serán próximas á JxCat.

Tamén será un dirixente de JxCAT quen asuma a portavocía do Govern. ERC entrega, por tanto, pezas sensíbeis para, en troca, ficar coa presidencia da corporación, cargo do organigrama de comunicación considerado sensíbel pola formación republicana.

E resolvida esta cuestión, as últimas horas presenciaron avanzos significativos rumo ao acordo definitivo sobre a investidura. Xa está despexada a incógnita sobre o rol que vai xogar Carles Puigdemont neste novo tempo político. Presidirá un órgao de nova criación, o Consello da República, que se constituirá os próximos días en Bruxelas. Será unha sorte de president simbólico do xerme do futuro Estado catalán. Canto á persoa que o relevará formalmente como titular da Generalitat, a proposta que neste momento hai sobre a mesa -e que reuniría o consenso de JxCat e ERC- é o ex president da Assemblea Nacional Catalana e deputado de Junts per Catalunya Jordi Sànchez [a quen entrevistamos en Barcelona o 1 de outubro, o mesmo día do referendo]. Está en prisión preventiva en Estremera desde o pasado 16 de outubro, mais, a diferenza de Puigdemont, si podería cumprir o requisito de candidatura presencial no Parlament imposto polo Tribunal Constitucional para non vetar a operación. En todo caso, a decisión última -a de permitirlle saír da cadea para asistir ao pleno- tena que tomar o xuíz do Supremo, Pablo Llarena.

Caso de finalmente se frustrar a opción de Sànchez, o nome que se baralla é o de Jordi Turrull, tamén imputado por rebelión, sedición e malversación de fondos, mais en liberdade provisoria por un auto xudicial de Llarena. Niso tamén habería acordo entre JxCat e ERC. Persisten, porén, as discrepancias no que atinxe á vicepresidencia. JxCat vería con bons ollos que a ocupase Oriol Junqueras -por aquilo de restituír o máximo posíbel o Govern previo á intervención do 155-, mentres que Esquerra optaría por Marta Rovira, a súa número dous, por non ter o handicap da privación de liberdade, embora tamén recaia sobre ela o cargo de rebelión pola súa participación nun pretenso estado maior independentista.

Nota: recuperamos o vídeo da entrevista que o colaborador de Sermos Antón Escuredo, desprazado a Barcelona, fixo na noite do 1-O a Jordi Sànchez, ben como tamén a Jordi Cuixart, apenas 15 dias antes de ingresaren en prisión.

Comentarios