Julian Assange recibe orde de extradición aos EUA

A ministra de Interior británica terá a última palabra sobre a extradición de Julian Assange ditada por un tribunal de Londres. Nacións Unidas advertiu en 2019 da posibilidade de sentenzas que poderían supor até 175 anos de cárcere ou incluso pena de morte.
Deseño proxectado en Londres en apoio ao xornalista Julian Assange. (Foto: Victoria Jones / PA Wire / dpa)
photo_camera Deseño proxectado en Londres en apoio ao xornalista Julian Assange. (Foto: Victoria Jones / PA Wire / dpa)

Un tribunal de Londres emitiu esta cuarta feira unha orde de extradición a Julian Assange, fundador de WikiLeaks, aos Estados Unidos de América (EUA). O futuro de Assange está nas mans da ministra do Interior do Reino Unido, Priti Patel, quen decidirá se debe ser extraditado pola acusación de publicar documentos confidenciais do país norteamericano.

O caso non ten precedentes nos EUA, xa que a Lei de Espionaxe de 1917 nunca foi empregada contra un xornalista e expón problemas constitucionais preocupantes porque infrinxe os dereitos da Primeira Emenda a recibir e publicar información.

Até 2019 Reino Unido opúñase á súa extradición a calquera país no que puidese enfrontarse a torturas, cadea perpetua ou pena de morte. Con todo, a decisión de Sajid Javid, anterior ministro de Interior, de permitir o xuízo para extraditarlle a EUA fai pensar que o Estado británico non ve indicios de que Assange poida sufrir estas penas e abusos.

Nils Melzer, experto de Nacións Unidas en materias de tortura e tratos crueis, inhumanos ou degradantes, alertou en 2019 do “risco real” de violación de dereitos se Assange fose extraditado a EUA. Ademais Melzer advertiu da posibilidade de sentenzas que poderían supor até 175 anos de cárcere ou incluso pena de morte.

Extradición e Dereito Internacional

O caso Soering c. Reino Unido é a base xurisprudencial en Dereito Internacional pola cal os países do Consello de Europa non fan extradicións se hai risco de pena de morte. 

En xuño de 1986 xurado de Virxinia (EUA), acusou Jens Soering e a súa parella de asasinar os pais dela, polo que o Goberno dos EUA solicitou a extradición de ambos, en aplicación do Tratado anglo-americano sobre extradición de 1972.

Soering solicitou ás autoridades británicas que denegasen a petición estadounidense de extradición. A solicitude do demandante foi denegada, e este acudiu á antiga Comisión Europea de Dereitos Humanos (predecesora do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos) o 8 de xullo de 1988, alegando a ausencia de garantías sobre a non execución da pena capital.

Respecto diso, o Tribunal expresou que: "A decisión dun Estado contratante de extraditar a un fuxitivo pode suscitar problemas de conformidade co artigo 3 e, por iso, comprometer a responsabilidade do Estado segundo o Convenio (Europeo de Dereitos Humanos), en casos en que se mostrasen razóns substanciais para crer que a persoa involucrada, de ser extraditada, enfrontaría un risco real de ser sometida a tortura ou penas e tratos inhumanos ou degradantes no estado solicitante”.

Ademais, o protocolo número seis da Convención Europea de Dereitos Humanos, aprobado o 28 de abril de 1983 e ratificado polo Reino Unido, estabelece a abolición da pena de morte.

Comentarios