Julian Assange aguanta a respiración

A Fiscalía británica, en representación dos EUA, ten dúas oportunidades máis para que a xustiza atenda a petición de extradición do fundador de WikiLeaks, acusado de espionaxe no país norteamericano. En primeira instancia foi denegada, mais non por atentar contra a súa liberdade de expresión, senón por causas humanitarias.
EuropaPress_3502492_04_january_2021_england_london_supporter_of_wikileaks_founder_julian
photo_camera "A verdade non é un crime", lese no cartaz que sostiña unha manifestante a favor de Assange, onte ás portas do tribunal de Londres (Foto: Dominic Lipinski / PA Wire)

A xustiza británica determinou esta segunda feira, 4 de xaneiro, que o fundador de WikiLeaks, Julian Assange, non sexa extraditado aos Estados Unidos, onde está acusado de 18 cargos relacionados con espionaxe que lle poderían supor unha pena de até 175 anos de cárcere, informaron as axencias internacionais. 

A xuíza Vanessa Baraitser tivo en conta moitos dos argumentos da parte estadounidense, mais resolveu a favor de Assange con base nos seus problemas de saúde. En concreto, cítanse as tendencias suicidas que mostrou durante o seu encarceramento na prisión de Belmarsh, en Londres, alén do trastorno do espectro autista (TEA) ou a depresión con que foi diagnosticado.

"Considero que o risco de o señor Assange cometer suicidio, de se emitir unha orde de extradición, é substancial", sinalou Baraitser na sentenza, onde se engade que "a impresión xeral é a dun home deprimido e en ocasións desesperanzado, que dunha forma sincera teme polo seu futuro". Porén, rexeitou que a extradición se debese desbotar con base nos argumentos de "liberdade de expresión" esgrimidos pola defensa. A maxistrada cre que as accións de Assange foron máis alá da xornalismo de investigación. Ademais cre que non hai probas que evidencien que de ser extraditado aos EUA non fose a recibir un xuízo xusto.

Agárdase agora que no prazo límite estabelecido de 14 días as autoridades estadounidenses apelen a decisión no Alto Tribunal de Xustiza de Londres (a corte suprema para Inglaterra e Gales), mais o caso podería chegar, en última instancia, até o Tribunal Supremo do Reino Unido. Na cuarta feira, non obstante, Baraitser decidirá se concede a liberdade condicional a Assange mentres se resolve o recurso.

"Motivación política"

O pasado mes de setembro retomouse a vista para decidir sobre a extradición do fundador de WikiLeaks. Washington acúsao de pór en perigo informantes e activos estratéxicos coa publicación en 2010 de cables diplomáticos e documentos secretos sobre accións militares estadounidenses no Iraq e no Afganistán que revelaron actos de tortura, mortes de civís e outros abusos. 

Clive Stafford-Smith, representante legal de Assange, defendeu durante todo o proceso que detrás das acusacións hai unha "motivación política". Cre que o verdadeiro motivo do Reino Unido para deter a Assange en 2012 ─e despois en 2019, tras sete anos refuxiado na embaixada do Ecuador en Londres─ é a determinación do seu aliado o Goberno dos EUA ─con Barack Obama ou con Trump na Casa Branca─ de facelo pagar por evidenciar os crimes de guerra.

Stafford-Smith, avogado de numerosos prisioneiros en Guantánamo, incidiu neste punto durante a vista. Os documentos filtrados ─dixo─ permitíranlle gañar procesos xudiciais para "varias persoas inocentes encarceradas" no centro de detención que Washington ten na illa de Cuba. E explicou que as filtracións lle abriran os ollos ás "torturas, extradicións ilegais e asasinatos" cometidos polos EUA.

WikiLeaks e Assange saltaron á luz pública en 2010 coa publicación dun vídeo do Exército dos EUA onde se recolle un ataque con helicópteros Apache, acontecido tres anos antes en Bagdad, a capital iraquí: unha ducia de civís desarmados perderon a vida.

Maguire, Nobel da Paz en 1976, propón a Assange para o galardón deste ano

Mairead Maguire, premio Nobel da Paz en 1976 pola súa contribución no conflito de Irlanda do Norte, nomeou a Assange como candidato na edición de 2021 a este galardón. Canda a el tamén incluíu o ex militar estadounidense Chelsea Manning e o ex analista da CIA Edward Snowden, todos eles responsábeis da divulgación de documentos secretos que levou ao seu encarceramento ou persecución polas autoridades.

Na carta enviada ao comité do Nobel, Maguire destacou as súas accións, "cun alto custo para a súa propia liberdade e para a súa vida". De Manning dixo que "non puido encubrir por máis tempo o asasinato de civís iraquís". De Assange, que "cumpriu co seu deber como editor e publicou os feitos das guerras do Iraq e do Afganistán". E de Snowden, que "desvelou que o Goberno estadounidense estaba a vixiar ilicitamente Gobernos e cidadáns de todo o mundo".

Comentarios