MUNICIPAIS 2015

Juanjo Puigcorbé, número 2 de ERC en Barcelona

É un dos grandes da escena catalá e foi no seu día Pepe Carvalho nunha serie televisiva. Juanjo Puigcorbé mostra o seu compromiso político independentista.

Puigcorbé
photo_camera [Imaxe CC BY-SA Praza Pública]

Golpe de efeito dos republicanos nas municipais en Barcelona. Juanjo Puigcorbé -o actor catalán máis importante da súa xeración, con Josep Maria Flotats e Lluis Homar- vai ser o número 2 da candidatura de ERC ao concello de Barcelona, que encabeza quen fora o seu portavoz no Congreso, o historiador e novelista Alfred Bosch.

Puigcorbé tense revelado nos últimos meses como un dos principais activistas, no mundo cultural catalán, a prol das teses independentistas, e até gravou un vídeo pro-autodeterminista co escritor Quim Monzó.

A listaxe de ERC, informa Vilaweb, vaina fechar Santiago Vidal, o xuíz apartado da carreira xudicial por espazo de tres anos por unha decision do Consello Xeral do Poder Xudicial após ter participado na redacción dunha Constitución para Catalunya.

Vidal, segundo La Vanguardia, rexeitou asumir a segunda praza na candidatura de ERC e, en troca, aceitou colaborar na preparación do poder constituínte dentro da Consellaría de Xustiza.

Comentarios