Juan Carlos I recoñece a súa corrupción

O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, fai unha defensa fechada da xestión do rei emérito.
Juan Carlos de Borbón da man de Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos de Borbón da man de Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)

Juan Carlos de Borbón manobra para retornar ao Estado español e evitar a acción da xustiza. Neste contexto, explícase a decisión de pagar a Facenda 678.393,72 euros, co obxectivo de satisfacer unha débeda coa Axencia Tributaria que está a investigar a Fiscalía do Tribunal Supremo. O rei emérito adopta esta medida unha vez que as primeiras pesquisas xudiciais teñen acreditado que os gastos realizados a conta dunhas tarxetas entregadas polo empresario mexicano Sanginés-Krause superan os 500.000 euros en tres exercicios, unha contía que implica a comisión dun delito fiscal en dous deses anos. Sanginés-Krause, antigo presidente do banco de investimentos Goldman Sachs no Estado, con importantes intereses no sector da hostalaría e das concesións públicas, xa ten prestado declaración diante da Fiscalía.

As tarxetas de diñeiro negro que deron orixe ao proceso de regularización do rei emérito foron empregadas por diversos membros da Casa Real. Segundo ten confirmado a Fiscalía, delas beneficiáronse a raíña emérita, Sofía de Grecia, as fillas de Juan Carlos, Elena e Cristina, cuxo marido, Iñaki Urdangarín, se atopa actualmente no cárcere condenado por corrupción, e os seus netos Froilán e Victoria Federica de Marichalar.

Neste sentido, fontes coñecedoras da investigación sinalaron que os netos do rei emérito empregaron as tarxetas para os seus gastos correntes, entre eles o pago de pasantías de piano, viaxes de Uber ou cursos de equitación, descoñecéndose o uso concreto que lle deu á mesma a raíña emérita, un dos membros da Casa Real mellor valorados pola opinión pública.

A práctica totalidade do patrimonio de Juan Carlos I de Borbón continúa agochado. A este respecto, o monarca non ten manifestado ningunha intención de regularizar os fondos localizados nas contas en Suíza ou Panamá, porque ao ser anteriores á súa renuncia ao trono e proceder de operacións realizadas cando a súa figura era inviolábel non están suxeitos á responsabilidade penal no Estado español.

Ao tempo, algúns xuristas cuestionan a intención da xustiza española de investigar os fondos agochados no Estado helvético polo rei emérito, ao considerar que se trata dunha manobra legal co obxectivo de entorpecer o proceso aberto polo fiscal xenebrino, Bernard Bertossa.

O rei emérito, residente desde agosto nos Emiratos Árabes Unidos, prepara o seu retorno ao Estado español e segue moi preto a evolución da situación política. Algunhas fontes destacan que mantén un contacto permanente con sectores políticos, empresariais e militares, ligando algunhas das recentes manifestacións destes á influencia do propio Juan Carlos. Precisamente, os sectores ideolóxicos da dereita máis extrema veñen expresando nos últimos tempos un apoio fechado á súa figura.

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, saíu hoxe na súa defensa. Nunha entrevista coa xornalista Susana Griso emitida en Antena 3, destacou que “o rei Juan Carlos librounos dun golpe de Estado e foi o mellor ministro de Exteriores que tivo España durante todos estes anos de democracia”, engadiu que “é un boa nova que o rei Juan Carlos queira volver a España porque iso quere dicir que está tranquilo”, e acusou o Goberno estatal de “pretender derrocar a monarquía constitucional”.

Comentarios