O rei emérito, investigado de novo por Facenda

A Axencia Tributaria pregunta polos gastos de cazarías entre 2014 e 2018, cando xa abdicara do seu cargo e por tanto non gozaba de inviolabilidade. Porén, Juan Carlos I acusa Moncloa de abrir "unha nova fronte" para "pór trabas" ao seu regreso ao Estado español.
O rei emérito, coa chaqueta do Bribón, este domingo, en Sanxenxo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O rei emérito, coa chaqueta do 'Bribón', na súa visita a Sanxenxo en maio. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A Axencia Tributaria vén de solicitar ao rei emérito, Juan Carlos I, que xustifique o pagamento de cazarías das que participou entre 2014 e 2018, após abdicar do seu cargo, segundo informa o xornal El Mundo.

Así, Facenda pide ao monarca que acredite a orixe dos fondos que sufragaron os voos e o resto de gastos derivados desas xornadas ás que foi convidado cando xa non era xefe do Estado e, polo tanto, non gozaba da inviolabilidade xurídica.

Os feitos denunciados, afirma este medio, non están vencelladas ás recentes regularizacións fiscais que Juan Carlos I levou a cabo para facer fronte a posíbeis acusacións de delitos fiscais polos agasallos que recibira, entre outros, da Fundación Zagatka.

Porén, segundo El Mundo, as contías desas cazarías que transcenderon até o de agora non superarían os 120.000 euros ao ano, polo que non se trataría dun delito, senón dunha falta administrativa.

Fontes da súa contorna sosteñen que o emérito acusa o Goberno estatal desta nova investigación de Facenda, insinuando que Moncloa abre unha "nova fronte" para "pór trabas" ás súas viaxes ao Estado español.

De feito, esta mesma terza feira Juan Carlos I apuntaba que, "por razóns estritamente privadas", decidira finalmente non regresar a Sanxenxo esta fin de semana, tal e como anunciara en maio.

"Explicacións de que?"

Naquela visita do pasado mes, o rei emérito mostrouse parco en palabras, limitándose a breves comentarios sobre a competición, o tempo ou o "moi ben" que se atopaba de estar de volta no Estado español. Aliás, asegurou que tiña ganas de reencontrarse coa súa familia e que esperaba da cita "moitas apertas".

Pero do que non chegou a falar o antigo monarca, a pesar de que a prensa llo preguntou, foi dos seus recentes problemas coa Xustiza. Tampouco brindou as "explicacións" que o Goberno estatal e o propio presidente, Pedro Sánchez, lle reclamaran desde hai meses. "Explicacións de que?", respondeu a unha xornalista que lle formulara a pregunta.

Comentarios