Juan Carlos I desfruta de tres asistentes nos Emiratos Árabes pagados por Patrimonio

Só as facturas en viaxes do persoal traballador ascenden a máis de 4.000 euros
O rei emérito no Congreso dos Deputados, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O rei emérito no Congreso dos Deputados, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Despois de que a vicepresidenta primeira do Goberno estatal e ministra de presidencia, Carmen Calvo, afirmase en declaracións a RTVE que “o rei Juan Carlos non ten actividade pública nin vive con recursos públicos”, saen á luz informacións que desmenten estas palabras.

Segundo publicou hoxe o xornal dixital eldiario.es, Juan Carlos de Borbón desfruta do seu exilio nos Emiratos Árabes –desde que en agosto decidira fuxir do Estado acurralado polos escándalos da súa fortuna– de tres axudantes de cámara que se organizan por quendas e van cambiando aproximadamente cada mes. Os gastos das súas nóminas, estancia e desprazamentos son pagados polas e polos contribuíntes do Estado español a través de Patrimonio Nacional.

Só nas viaxes, segundo constan nas facturas emitidas por Viaxes El Corte Inglés, súmase unha cantidade superior a 4.000 euros desde o pasado mes de agosto, sen que se teñan en conta aloxamentos, dietas nin tampouco os salarios. A todo isto haberá que sumar os gastos do mesmo Juan Carlos de Borbón, que inclúen hoteis de luxo, e o da súa seguridade, que seguen a ser secreto de Estado. 

Patrimonio Nacional é a institución pública responsábel da xestión do patrimonio histórico-artístico do Estado español, pero nin a lei que a regula nin o regulamento desenvolvido posteriormente falan de forma expresa da asistencia da Xefatura do Estado por parte do persoal contratado a través desta institución.

A cuestión é que unha das cinco delegacións dese ente, a que se fai cargo de sufragar os gastos de funcionamento e mantemento da Zarzuela, é a que asume as facturas dos asistentes do rei emérito no seu exilio. En concreto, trátase da delegación de El Prado, que dirixe desde 1999 Aníbal de Miguel García, mais baixo a responsabilidade de Carmen Calvo e do Goberno estatal.

Un voceiro oficial de Zarzuela resume que “nada na Casa se realiza fóra do que son as normas legais, existen unhas normas estritas respecto ao persoal e ás súas comisións de servizo”. 

Custo real da Casa

A Casa Real supón un custo maior que os 8,4 millóns de euros que percibe directamente dos Orzamentos Xerais do Estado, xa que “bebe” doutras administracións, como o Ministerio de Facenda, a quen pertence o parque móbil; o Ministerio deExteriores, que paga as viaxes oficiais; o de Interior, que se fai cargo da seguridade; o de Defensa, que se encarga da Garda Real e, do anteriormente mencionado Patrimonio Nacional, que sufraga parte do persoal e mantemento dos inmóbeis dos que dispón a Coroa.

Comentarios