Juan Carlos I cobrou 52 millóns en comisións pola venda do Banco Zaragozano

O monarca mediou diante de directivos do Barclays Bank para formalizar a venda
Juan Carlos de Borbón, en imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos de Borbón, en imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O diario Público adiantou nesta cuarta feita que Juan Carlos de Borbón recibiu 52 millóns de euros en comisións por mediar na venda do Banco Zaragozano ao grupo financeiro británico Barclays. Segundo se recolle nunha crónica asinada polo xornalista Carlos Enrique Bayo, quen nas últimas semanas está publicando unhas investigacións sobre o patrimonio do rei emérito, á volta de 2003, o pai de Felipe VI consigue sacar adiante a operación tras botar man dos seus contactos coa Casa Real inglesa, quen a súa vez mete presión aos directivos de Barclays. A compra resulta un fracaso para o grupo bancario, quen 12 anos máis tarde tense que desfacer do Zaragozano con cuantiosas perdas.

A venda do Zaragozano converteuse nun grande negocio para os seus accionistas de referencia, Alberto Alcocer e Alberto Cortina, e nunha operación ruinosa para os compradores. Neste liña, Publico sinala que “ Barclays accedeu comprar o Banco Zaragozano por 1.140 millóns de euros, o triplo do seu valor en libros, e terminou retirándose de España en 2014 tras perder arredor de 4.000 millóns”.

Ao tempo, destaca que Cortina obtivo unhas plusvalías de 230 millóns de euros e Alcocer de 226 millóns. Un e outro fan parte do círculo íntimo do monarca, estando considerado o segundo como o administrador das súas contas persoais tras a imputación de Manuel Prado y Colón de Carvajal.

Accionistas de ENCE

A relación mercantil entre Juan Carlos de Borbón e Alcocer e Cortina é coñecida desde hai anos. Así, en febreiro de 2021, Nós Diario fixo pública a mesma, significando a presenza do monarca no capital de ENCE, compañía onde Alcocer e Cortina participaron como accionistas de referencia. Na mesma crónica, indicouse que o rei emérito actuou en diversas ocasións a favor da pasteira, destacando o labor de mediación desenvolto en 2006 diante do Goberno arxentino e uruguaio para facilitar a instalación dunha celulosa nese país.

As comisións recibidas por Juan Carlos pola venda do Banco Zaragozano son públicas desde febreiro de 2020. Naquela altura, o xornal de Londres, The Sunday Telegraph avanzou parte dos termos da compra polo grupo financeiro británico así como o diñeiro recibido polo monarca pola súa mediación.

Precisamente, nesa conxuntura Felipe VI fixo público un comunicado de renuncia a herdanza do pai, indicando que “se fose certa a súa designación ou a da Princesa de Asturias como beneficiarios da citada Fundación Lucum non aceptaría participación ou beneficio algún nesa entidade”.

Neste sentido, a reportaxe de Público vincula a constitución desa fundación á necesidade de branquear os fondos obtidos pola operación mercantil do Banco Zaragozano.

Comentarios