O Borbón defende a estabilidade para a “gran nación”

En tres ocasións no seu breve discurso institucional Juan Carlos de Borbón falou de “estabilidade” para a “gran nación” na súa abdicación e sucesión no seu fillo.

A decisión estaba tomada desde xaneiro, cando cumpriu 76 anos e 14 intervencións cirúrxica. Entre tanto, todo quedou amarrado coa beneplácito do goberno e o grupo maioritario da oposición, que se apuraron a apoiar a liña argumental que, pouco despois, por volta das 13 horas, Juan Carlos plasmaría na súa declaración institucional. 

Recoñécíase, como antes fixera Rajoy e Rubalcaba, o papel de levar “a nosa nación a unha democracia moderna, previamente integrada en Europa”. Atribuíase tamén a “ilusionante tarefa que lle permitiu aos cidadáns elixir aos seus representantes” o que fai que mire cara o pasado con “orgullo e gratitude”. 

En tres ocasións empregou no seu breve discurso a palabra “estabilidade”, primeiro arredor da breve referencia a seu pai o Conde de Barcelona, que nunca subiu ao trono, e despois para garantir o proceso de pasarlle o testigo a seu fillo, o herdeiro que simboliza “a estabilidade”, xunto coa princesa Letizia, a quen tamén mentou na súa intervención. 

A gran nación

Nun breve parágrafo referiuse á “longa e profunda crise económica” que deixou “fondas cicatrices no tecido social”, mais, ao seu ver, “reavivou a conciencia do que fomos e do que somos, unha gran nación”. Fai balance do seu reinado no que, segundo dixo, buscou  “o mellor para España”, e, como tamén dixeran Rajoy  e Rubalcaba, garantiu a continuidade pola “madurez e formación” de Felipe de Borbón. 

Comentarios