Juan Carlos de Borbón deixa a coroa cunha fortuna persoal próxima aos 1.800 millóns de euros

A cifra exacta é unha incógnita pois a Xefatura de Estado non está obrigada a facer público o seu patrimonio mais a revista Forbes sitúaa entre as maiores fortunas do Estado español.

Pouco se publica na imprensa sistémica a respeito da fortuna que acumulou o monarca español durante 39 anos como xefe de Estado. Da mesma maneira que após a súa abdicación as principais cabeceiras da caverna mediática, fuxen das imaxes de Juan Carlos I acompañando a Franco, os diarios e portais dixitais do réxime evitaron nas últimas décadas afondar nunha das grandes incógnitas. Cal é o valor real da fortuna do Borbón?

O diario estadounidense The New York Times chegou a situala en perto de 1.800 millóns de euros nun duro artigo intitulado 'Un rei escarmentado que procura a redención, para España e a súa monarquía' publicado en 2012. Mais o criterio empregado para calcular o patrimonio do monarca incluía as fincas e pazos propiedade de Patrimonio Nacional. Espazos que se ben só poden ser empregados pola Casa real, son financiados con recursos públicos.

The New York Times fixou en perto de 1.800 millóns de euros a fortuna persoal do Borbón

Sen dados oficiais

O escurantismo a respeito das propiedades privadas de Juan Carlos de Borbón impide saber con certeza cal é a cantidade exacta acumulada nestas perto de catro décadas de reinado. Neste senso, o propio New York Times arremetía na súa publicación contra "a forma en que amasou" o Borbón "a súa considerábel fortuna".

Desde 1975, cando asumiu a Xefatura de Estado, Juan Carlos I ficou exento de declarar os seus bens patrimoniais e só desde 2011 a Casa Real --através da súa páxina web-- publica unha sucinta relación dos orzamentos da institución nos que se fixa un salario para Juan Carlos de Borbón próximo aos 300.000 euros anuais (292.752 en 2014).

Propiedades, xoias, buques e até contas en Suíza sumaríanse ao salario que percibe anualmente do Estado,292.752 euros en 2014

Contas en Suíza

A esta cifra --substancialmente superior á de calquera traballador/a mais tamén á da presidencia do Goberno, 78.000 euros/ano-- habería que engadir as propiedades, xoias, embarcacións... Mais non ficaría aí. A autora Patricia Sverlo afirmaba no libro 'Un rei golpe a golpe' (Ardi Beltza, 2000) que a familia real española acumulaba en contas suízas 6.000 millóns de pesetas "por se as cousas se torcen no Estado".

Un feito que malia non poder ser comprobado saltou á primeira plana da imprensa após o diario El Mundo destapar que a herdanza recibida por Juan Carlos do seu pai, o conde de Barcelona, estaba depositada nunha conta en Suíza. O seu valor situaríase nos 375 millóns de pesetas.

Comentarios