Catalunya

Jordi Sánchez e Jordi Turull, en folga de fame pola “vulneración de dereitos”

Como protesta polo que entenden que é unha vulneración de dereitos por parte do Tribunal Constitucional, os presos políticos Jordi Sánchez e Jordi Turull iniciaron unha folga de fame na cadea de Lledoners.

[Imaxe: Omnium Cultural] Os presos políticos cataláns, na prisión de Lledoners.
photo_camera [Imaxe: Omnium Cultural] Os presos políticos cataláns, na prisión de Lledoners.

Jordi Pina, avogado de Jordi Sánchez, líder da ANC encarcerado, e Jordi Turull, portavoz do Govern da Generalitat tamén encarcerado, e mais Jaume Padrós, o presidente do Colexio de Médicos de Barcelona, anunciaron na mañá do sábado en rolda de imprensa que tanto Sánchez como Turull iniciaron unha greve de fame para protestar polo que consideran unha vulneración de dereitos por parte do Tribunal Constitucional.

Pina e Padrós leron un manifesto asinado por Sánchez e Turul no que indican que non queren ter ningún trato de favor por parte do Constitucional, senón simplemente que garanta os seus dereitos. Denuncian que o TC bloquea o seu acceso ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ao non tramitar os oito recursos de amparo presentados polos dous. Hai un ano que presentaron o primeiro dos recursos e non recibiron resposta ningunha.

Ambos os presos políticos din que a folga de fame é unha acción “non violenta e lexítima” e das poucas que poden levar a cabo desde a prisión de Lledoners. Salientan que a greve “non vai contra ninguén” e que só busca “remover conciencias”.

O anuncio da folga de fame chega cando Òmnium Cultural difundiu a primeira fotografía dos sete presos políticos no interior da prisión de Lledoners. Nas últimas horas, varios deles reivindicaron tamén a Carme Forcadell e a Dolors Bassa, tamén encarceradas e que, con frecuencia, son invisibilizadas polos medios de comunicación.

Comentarios