Reino Unido

Johnson salva o primeiro 'match-ball' mais os críticos preparan o terreo para unha segunda moción de censura

Salva pola mínima a moción de censura propiciada no seo do seu propio partido e evidencia a fenda existente entre os 'tories', xa que 42% votaron en contra da súa continuidade en Downing Street.
Boris Johson obtivo 58% dos apoios na votación desta segunda feira. (Foto: Victoria Jones / PA Wire)
photo_camera Boris Johson obtivo 58% dos apoios na votación desta segunda feira. (Foto: Victoria Jones / PA Wire)

O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, sobreviviu esta segunda feira á moción de censura impulsada no seo do seu propio partido, o Conservador, por mor do crecente número de parlamentarias e parlamentarios descontentos coa súa xestión a raíz do escándalo do partygate, as festas organizadas en Downing Street durante os momentos máis críticos da pandemia e sen respectar a normativa sociosanitaria vixente daquela.

O chamado 'Comité 1922', integrado polos deputados tories sen carteira, lograra reunir as sinaturas necesarias —54 membros conservadores da Cámara dos Comúns; 15% do total— para someter Johnson a unha moción interna da que precisaba 50% dos votos —180— para ficar no cargo. E así foi.

Porén, o resultado, se ben positivo para os seus intereses, evidenciou a importante fractura existente hoxe no seo do partido tory. Boris Johnson apenas acadou o apoio de 211 deputados e deputadas (58,8%).

A súa predecesora á fronte do Goberno do Reino Unido, Theresa May, lograra cinco puntos porcentuais máis de sufraxios ao seu favor cando en 2018 foi sometida ao mesmo procedemento. Daquela, Johnson cualificárao de "moi mal resultado".

O primeiro ministro celebrou o resultado como "convincente" e "concluínte" para continuar no cargo, e asegurou que agora se centrará en traballar "no que importa ao pobo británico".

Mais os deputados conservadores opostos a Boris Johnson moveron ficha esta terza feira e ameazaron con "mudar as regras" para convocar, de cara ao remate do presente ano, unha nova moción de censura interna que, desta vez si, cren que sairía adiante polo "crecente" número de tories desconformes coa deriva do actual Goberno.

"Hai moito traballo por facer. Agora requírese unha reorganización: traer novos talentos e comezar a enfocarse nos grandes problemas", dixo unha das principais voces críticas, o deputado Tobias Ellwood, en declaracións á canle Sky News.

Comentarios