Johnson non apraza a saída da UE malia a derrota provisional do seu plan para o Brexit

O parlamento británico aprobou por 322 votos a favor contra 306 contra a emenda Letwin, que paraliza o voto final do acordo sobre o Brexit impoñendo previamente a lexislación pertinente á saída do país da Unión Europea, nunha decisión que contradí ao primeiro ministro do país, Boris Johnson, que abriu unha nova disputa legal ao negarse a solicitar un aprazamento da saída da UE. 
Boris Johnson este sábado no Parlamento británico. [Imaxe: EP]
photo_camera Boris Johnson este sábado no Parlamento británico. [Imaxe: EP]

Boris Johnson perdeu a votación polos votos a favor da emenda de 231 deputadas e deputados laboristas, 10 do Partido Unionista Democrático de Irlanda do Norte, 1 dos verdes, 19 dos liberaldemócratas, 4 do Partido de Gales, 35 do Partido Nacional Escocés e 5 do grupo Independente polo Cambio.

Porén,  Johnson advertiu que a paralización non suporía un aprazamento da saída do país da UE. Mais a oposición xa avisa que o Primeiro Ministro está na obriga legal de pedir unha extensión de 3 meses antes desta media noite, segundo o artigo 50 do protocolo de saída. Johnson insiste en que a obriga só debe activarse de non mediar acordo coa UE (conseguido esta semana) ou no caso dunha aprobación no Parlamento dun Brexit sen acordo. 

“Non vou negociar ningún aprazamento coa UE nin a lei me obriga a facelo”, dixo Johnson despois da votación. Mentres, o líder laborista Jeremy Corbyn aludía a unha posíbel ilegalidade. A Comisión Europea segue á espera, e fontes comunitarias indicaron que se asume que o acordo de retirada non poderá someterse a votación este sábado.

Fóra do Parlamento, miles de británicos manifestáronse a prol dun novo referendo. Mais a decisión final sobre o Brexit deberá esperar. 

Comentarios