Johnson invoca en Escocia a pantasma de Thatcher

A década de 1980, coa Dama de Ferro en Downing Street, supuxo o inicio do desmantelamento das minas de carbón no norte de Inglaterra, en Escocia e en Gales. As consecuencias socioeconómicas foron tan graves que a lixeireza con que o primeiro ministro falou daquela época é como amentar a soga na casa do aforcado.  
miners_strike_REXShutterstock
photo_camera Un ferido na Batalla de Orgreave, Inglaterra, o 18 de xuño de 1984 (Foto: REX Shutterstock)

"Grazas a Margaret Thatcher, que clausurou tantas minas de carbón por todo o país, tivemos un gran e temperán comezo e agora estamos a abandonar rapidamente o carbón por completo". Boris Johnson, de visita en Escocia, amentou a soga na casa do aforcado cunha broma a respecto da transición enerxética.

O responsábel de Política do Glasgow Times escribía en Twitter: "Miles de traballos perdidos, comunidades devastadas e o inicio de décadas de decadencia, mais Boris Johnson rise do feche das minas de carbón por parte de Margaret Thatcher durante a súa visita escocesa".

En 1984, había 170 minas de carbón en funcionamento en Gran Bretaña que daban emprego a case 200.000 persoas. En 2015 non ficaba ningunha aberta. Foi Thatcher, primeira ministra entre 1979 e 1990, quen nese ano 1984 anunciou a clausura de 20 das explotacións.

A decisión do Goberno do Partido Conservador levou a unha folga masiva que se estendeu até 1985, con duros enfrontamentos entre mineiros e Policía. Ademais, supuxo un decisivo pulso entre Thatcher e os sindicatos. Gañouno finalmente a coñecida como a Dama de Ferro. As centrais saíron debilitadas, e deuse paso a un novo escenario nas relacións laborais no Reino Unido.

Unha época histórica que puxo o país ao bordo dunha guerra civil, relatada en forma de novela negra por David Peace en GB84 (2004), ou por Ken Loach no documental Which Side Are You On? (1984). Rexións mineiras inglesas, mais especialmente escocesas e galesas sufriron as consecuencias da fin daquel mundo que deixou fondas feridas na sociedade.

Hipocrisía thatcherista

Coas cicatrices aínda sen fechar, Johnson facía estas declaracións na quinta feira durante unha visita ao parque eólico mariño de Moray East, na costa nordeste de Escocia, para promover a enerxía verde e a Conferencia de Nacións Unidas sobre Cambio Climático de 2021 (COP26) de novembro en Glasgow. Respondía ás palabras do líder do Partido Laborista, Keir Starmer, tamén de visita en Escocia, que avogaba por un "calendario estrito" para a fin das exploracións de gas e petróleo.

As polémicas palabras de Johnson, pronunciadas en ton choqueiro segundo a BBC, recibiron unha unísona e rápida condena dos líderes da oposición. 

A primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, escribiu en Twitter: "Vidas e comunidades de Escocia foron totalmente devastadas pola destrución da industria do carbón por parte de Thatcher (que non tiña nada que ver con preocupación ningunha dela polo planeta). Tratar iso como algo do que se rir é groseiro e fondamente insensíbel con esa realidade".

En 1989, Thatcher xustificou na ONU o feche das minas, advertindo que os gases de efecto invernadoiro "estaban a mudar o ambiente do noso Planeta de maneira nociva e perigosa". Unha desculpa, como salientou Sturgeon, que nada tiña a ver co seu compromiso ecoloxista e moito coa súa revolución neoliberal.

Tal e como lembraba na sexta feira, 6 de xaneiro, Ewan Gibbs, profesor da Universidade de Glasgow, en The National,  "o Goberno de Thatcher non tiña problema en importar decenas de millóns de toneladas de carbón, ademais de queimar grandes volumes extraídos por medio de métodos destrutivos a ceo aberto en Gran Bretaña".

Tamén Gillian Mackay, deputada dos Verdes (partido en negociacións de Goberno co SNP de Sturgeon), incidiu nisto, recolleu The Scotsman: "A aniquilación da industria do carbón por parte de Thatcher non ten absolutamente nada que ver co ambientalismo e todo coa súa vil ideoloxía antisindical". E engadiu: "Os Verdes escoceses non permitirán que os tories [o Partido Conservador] repitan os erros do pasado. Loitaremos por unha transición xusta para que os traballadores vexan os seus traballos garantidos en industrias sustentábeis do futuro".

O malestar manifestouse tamén desde Gales. Nunha entrevista en BBC Radio 4, o primeiro ministro, o laborista Mark Drakeford, cualificou as palabras de Johnson de "groseiras e ofensivas". "O dano provocado ás rexións mineiras galesas hai 30 anos foi incalculábel, e aquí estamos 30 anos despois cos Tories aínda celebrando o que fixeron", afirmou.

Perdón colectivo

Desde o 10 de Downing Street (a oficina do primeiro ministro británico), non ofreceron na sexat feira unha desculpa, tal e como se lle reclamou a Johnson. Con todo, sinalouse que "o primeiro ministro recoñece o inmenso impacto e dor que o feche das minas de carbón produciu en comunidades de todo o Reino Unido".

En outubro de 2020, o Goberno de Escocia, seguindo as recomendacións dun panel independente de dereitos humanos, prometeu un perdón colectivo aos centos de mineiros condenados e multados por "alteración da paz" durante a folga de 1984-1985. 

Dos case 500 casos xudiciais, 85% acabaron cun veredicto de culpabilidade. Uns 200 mineiros perderon o traballo, 60% dos cales nunca máis volveron ser readmitidos. O panel recolleu numerosas alegacións de arrestos ilegais e despedimentos improcedentes. O perdón incluirá os xa falecidos. 

Emprego e transición ecolóxica, a debate

Protexer os postos de traballo ao tempo que se combate a crise climática. Ese dilema cada vez máis presente en países de todo o mundo cobra especial importancia naqueles, como Escocia, cunha gran riqueza petrolífera. O discurso político dos tories céntrase en advertir dos perigos para o emprego que suporá un acordo de Goberno ─moi avanzado─ entre o SNP e os Verdes. Consideran que ameaza 100.000 postos no sector do petróleo e do gas. Os ecoloxistas insisten que na transición enerxética non se cometerán os erros do pasado e que eses empregos serán reciclados. Un discurso similar ao de Starmer, que anunciou a oposición dos laboristas ao proxecto petrolífero de Cambo, nas illas escocesas de Shetland (entre as Feroe e Noruega). Estímase que almacena até 255 millóns de barrís: uns 132 millóns de toneladas de CO2. A aprobación depende do Goberno británico. 

Comentarios