Johnson articula un novo consello entre nacións para salvar a Unión de si mesmo

O apoio á independencia no Reino Unido podería rexurdir polo Partygate.
EuropaPress_4192315_13_january_2022_united_kingdom_edinburgh_scottish_conservative_leader
photo_camera Douglas Ross, líder do Partido Conservador en Escocia, avogou pola dimisión de Boris Johnson. (Foto: Fraser Bremner / Daily Mail / PA)

Boris Johnson ─se non é forzado a abandonar o seu posto de primeiro ministro antes─ presidirá un novo consello interterritorial, coa presenza dos xefes de Goberno das nacións que actualmente fan parte do Reino Unido: Gales, Escocia e Irlanda do Norte. O anuncio foi realizado esta quinta feira polo Goberno británico, nun momento en que o liderado de Johnson está en cuestión.

O Partygate ─facendo un xogo de palabras entre "festa" e o máis famoso dos escándalos políticos nunha democracia liberal, o Watergate estadounidense─ poderíalle custar a cabeza ao, até hai poucas semanas, popular líder conservador. 

O primeiro ministro recoñeceu esta semana en Westminster que acudira a unha das moitas festas que se celebraron en Downing Street, en dependencias gobernamentais, incumprindo as restricións estabelecidas pola pandemia da Covid-19. Asegurou que pensaba que era unha reunión de traballo e pediu desculpas "de corazón", mais o dano á súa imaxe é irreparábel e a día de hoxe está máis fóra que dentro.

A caída en desgraza de Johnson ten máis variábeis. Unha das máis importantes ten que ver coa política territorial británica. A saída do Reino Unido da UE coa culminación do Brexit, así como a xestión "negacionista" de Londres durante os primeiros meses da pandemia, impulsaron o apoio á independencia en Gales, especialmente en Escocia; e tamén, á reunificación de Irlanda.

Con todo, o éxito da campaña de vacinación liderada polo Goberno de Johnson fixo que a popularidade deste medrase notabelmente. Paralelamente, as demandas soberanistas perderon fol. 

Entre o 'Si'  e o 'Non'

O caso escocés é o máis paradigmático. Tras unha vintena de enquisas consecutivas, desde a primavera de 2020, onde a opción do 'Si' á independencia foi maioritaria, na publicada en febreiro de 2021 por The Scotsman chegaba a primeira derrota (43%-46%) fronte ao 'Non'.

As dos meses seguintes reflectiron unha maior igualdade, mais a balanza foi caendo paulatinamente a favor de que nada mude, con lixeiras variacións. A última, publicada en decembro pasado polo Daily Record, reflectía un empate: 44% para cada opción.    

Na quinta feira, tras a tormenta pola intervención de Johnson no Parlamento, o Goberno tentaba achicar auga. No aspecto territorial traduciuse na presentación deste novo consello interterritorial, creado para "fortalecer os lazos da Unión" baixo os principios do "respecto mutuo, mantendo a confianza e o traballo positivo".

O ministro de Relacións Intergobernamentais, Michael Gove, loou cun discurso 'autonomista' a devolution (a recuperación de competencias e de Parlamentos nacionais en 1998), mentres que Johnson apelou ao "equipo Reino Unido", para defender os beneficios de seguir xuntos.

Lea cos 'tories' escoceses

Xuntos, cada vez menos, están dentro do Partido Conservador por causa del e do escándalo en que está inmerso. E con Escocia tamén polo medio. O portavoz parlamentario dos tories, Jacob Rees-Mogg, cargou na quinta feira contra o líder escocés da formación, Douglas Ross, ao que restou valor político cualificándoo de "peso lixeiro", segundo recolleu a BBC

Facíao despois de Ross afirmar que a situación de Johnson en relación co Partygate era "insostíbel", posicionándose cos que opinan que debe saír do cargo. 

A respecto da polémica, recolleu The National, a líder do SNP e primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, dixo: "Mesmo nin eu son tan despectiva con el [Ross] como os seus colegas tories". 

Os laboristas logran a maior vantaxe nas enquisas desde 2013

Unha enquisa elaborada por YouGov para o xornal inglés The Times outorga ao Partido Laborista de Keir Starmer unha diferenza de dez puntos sobre o Partido Conservador do primeiro ministro Boris Johnson. É a maior vantaxe da formación socialdemócrata desde decembro de 2013. A sondaxe foi realizada antes das explicacións do primeiro ministro no Parlamento, e coloca os de Starmer ─que está a liderar as peticións de dimisión ao "mentireiro" Johnson─ con 38% de apoio; os tories, con 28%; e os Liberal-Demócratas, con 13%.

Comentarios