Joe Biden reunirase con Pedro Sánchez e Felipe VI antes da cimeira da OTAN en Madrid

A Plataforma Galega contra a OTAN segue a organizar unha contracimeira galega con actividades e iniciativas nas principais cidades da Galiza.
Joe Biden e Pedro Sánchez
photo_camera Joe Biden e Pedro Sánchez. (Foto: Europa Press)

O presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, manterá unha reunión co seu homólogo español, Pedro Sánchez, e o rei Felipe VI, antes de que comece a cimeira da OTAN que decorrerá en Madrid a vindeira semana.

Segundo explicou un funcionario da Casa Blanca ao Washington Examiner, esta xuntanza podería ter lugar o 28 de xuño, cando Biden chegue ao Estado español após participar no encontro do G7 que decorrerá en Berlín, ou o día 29, horas antes de que comece a cimeira da organización atlantista.

Será a primeira reunión bilateral que o líder do Executivo estatal e o xefe do Estado español manteñan co presidente dos EUA desde que este tomou posesión en xaneiro de 2021.

O funcionario antes citado tamén subliñou que "unha das prioridades do presidente (Biden) cando asumiu o cargo foi revitalizar as nosas alianzas, e penso que estamos vendo unha das demostracións máis fortes diso dentro do contexto da OTAN".

Contracimeira galega

Mentres se achega a data de comezo da cimeira da OTAN en Madrid, colectivos como a Plataforma Galega contra a OTAN seguen a desenvolver actos e iniciativas para mostrar o seu rexeitamento ao encontro do organismo militar.

No día de onte, Duarte Correa e Nicolasa Castro acudiron á Fundación Artabria de Ferrol para impartir unha palestra sobre a estrutura da organización atlantista, a cal cUalificaron como unha das "máis violentas e mortíferas da historia".

Na terza feira a plataforma organizou actos semellantes na Coruña e en Lugo, onde criticou "a submisión do Estado español e a UE á axenda imperialista".

Aliás, os colectivos que integran a plataforma volveron facer un chamamento a participar na manifestación que decorrerá o 26 de xuño en Madrid para protestar contra a cimeira da OTAN na capital do Estado español.

Comentarios