VÍDEO | Joe Biden sofre unha aparatosa caída nun acto das Forzas Armadas

O propio presidente chanceara sobre a súa idade no evento: "Cando me graduei no instituto, hai 300 anos, solicitei o ingreso na Academia Naval".
Caída de Joe Biden nun acto das Forzas Armadas. (Foto: @bennyjohnson / Twitter)
photo_camera Caída de Joe Biden nun acto das Forzas Armadas. (Foto: @bennyjohnson / Twitter)

Non é a primeira vez que a avanzada idade de Joe Biden, o primeiro presidente octoxenario da historia nos Estados Unidos, copa os titulares da prensa. O mandatario sufriu esta quinta feira unha aparatosa caída ao bater contra un obstáculo no escenario desde o que estaba a intervir en Colorado para presentar a última promoción graduada nas Forzas Aéreas do país.

Biden, segundo apuntaron posteriormente desde a Casa Branca, non sufriu feridas a causa deste tropezo e atópase en perfecto estado. O presidente caeu de fronte após rematar o seu discurso e entregar os diplomas aos cadetes do Exército. Intentou reincorporarse el mesmo, mais precisou da axuda dos gardacostas que o acompañaban.

O propio Joe Biden, que subiu ao Air Force One "cun sorriso", permitírase chancear desde o citado escenario e durante a cerimonia sobre o recorrente debate da súa idade: "Cando me graduei no instituto, hai 300 anos, solicitei o ingreso na Academia Naval".

Non é a primeira vez que o mandatario tropeza ou perde o equilibrio á vista das cámaras, nin tampouco a primeira vez que os seus adversarios políticos, en especial o ex presidente Donald Trump, utilizan as imaxes para cuestionar que poida ser reelixido en 2024.

O propio Trump, porén, fará 77 anos o vindeiro 14 de xuño, polo que en caso de vencer na cita electoral do próximo ano, á que xa confirmou que concorrerá, da mesma forma que Biden, tornaría no segundo presidente —após o actual— en alcanzar os 80 anos de idade aos mandos da Casa Branca.

Segundo os datos dunha enquisa do blogue estadounidense FiveThirtyEight analizados por Politico, o actual mandatario ten moi poucas posibilidades de ser reelixido en 2024, xa que o seu índice de aprobación sitúase en 43%, mentres que a maioría dos cidadáns, 52%, desaproba a xestión de Biden.

Comentarios