"Manter a Otegi no cárcere e non resolver o problema dos presos é mostra dun autismo político enorme"

A Audiencia Nacional española vén de reabrir a causa contra o parlamentar de ERC e sete deputad@s de Amaiur por teren participado en xaneiro de 2012 nun acto en prol da liberdade de Arnaldo Otegi
photo_camera Tardá durante o acto pola liberdade de Otegi [SG]


Que intención se agocha detrás do recurso presentado por Dignidad y Justicia?

A de continuar criminalizando e perseguindo, tal e como o veñen facendo desde hai moitísimos anos, porque consideran que non son lexítimas nin necesarias as voces que claman pola fraternidade, a reconciliación e a paz. Seguen instalados nas vinganzas. Nós sempre afirmamos que por moito que un Estado faga en favor das vítimas sempre será pouco, mais estamos con todas as vítimas, tamén coas do terrorismo de estado e a violencia fascista.

Pedimos a liberdade de Otegi porque entendemos que todas as persoas que publicamente e de maneira rotunda o que fan é clamar pola resolución dun conflito deben ser apoiadas. Nós estamos por esta liña, a que defendemos sempre. Os conflitos sempre se acaban resolvendo. O que hai que reconciliar son os corazóns, e iso só se fai desde o diálogo. Fai parte dun autismo político enorme que o Goberno español non só manteña no cárcere a Otegi, senón que non se mova nin un ápice no que afecta a resolver a cuestión dos presos.

Fala de 'terrorismo de Estado'. As torturas practicadas pola policía española e nos cárceres, por exemplo, non se enxuizan. Quen decide que é terrorismo?

Efectivamente, nós no debate da Lei de vítimas de terrorismo manifestamos que un estado democrático non pode permitirse o luxo de diferenciar dous tipos de vítimas, como se pretendía: dunha banda as de ETA e doutra as dos anos da transición. As torturadas e asasinadas por forzas fascistas en connivencia co Estado ou xa directamente polo Estado non se lles recoñecía a categoría de vítimas. A reconciliación nace de que sexan recoñecidas como tales, xuridicamente, por suposto.

Otegi askatu! Chegou a pedilo vostede desde a tribuna do Congreso. Aínda nesta semana foron cidadás e cidadáns foron expulsos da cámara. Que opinión lle merece esta tentativa de amordazar os parlamentos?

Non ten ningún sentido que se lle queira pór portas ao campo. Se un conflito existe na sociedade ten que estar reflexado no Parlamento. Os vetos non encaixan cun parlamento que queira ser útil. Nos últimos anos nós intentamos moitas veces modificar o regulamento do Congreso e sempre, sempre, sempre atopamos coa cerrazón do PP e, en moitos casos, tamén do PSOE. Hoxe temos un regulamento que case se lle podería aplicar o cualificativo de decimonónico.

Hai outro veto que existiu sempre, mais que empeza a ser especialmente rechamante: cuestionar a figura do Borbón. A que vén esta sobreprotección?

Si, esta xa é un clásico. Levamos anos instalados nunha Casa real que recibiu por parte dos partidos maioritarios o visto e prace para consolidar unha serie de privilexios e opacidades. A suma de ambas as dúas cousas, con anos, decenios, dá como resultado un escenario de corrupcións. Lembro as cen preguntas que presentei para fiscalizar as economías da Casa real que xa daquela foi desestimada pola Cámara, igual que veu de acontecer agora coa proposición de lei pola autodeterminación. Impedíase que os deputados puidesen preguntar ao Goberno sobre a Casa real e, por suposto, iniciativas parlamentarias republicanas.

Nós non lexitimamos esta monarquía lexitimada por un ditador, nin un rei que nunca pediu perdón por lles roubar aos pobos galego, catalán e vasco a vontade de decidir un Estado republicano. Aínda así, a quen a lexitima, debería preocuparlles moito que o Parlamento puidera fiscalizar a Casa real, pois se segue por estes derroteiros terá aínda máis dificultades das que xa ten para ubicar unha institución medieval en pleno século XXI. Algo cheira moito a podre.

Está preocupado pola investigación reaberta pola Audiencia Nacional?

En absoluto! Estou moi convencido da liña que defendemos sempre e seguiremos a defender. Estamos pola reconciliación e pola paz, e implicaremonos con todos os grupos políticos que traballen en favor deste anhelo, sexan ou non independentistas. Non teño nada que agochar e non cometín ningún delito nin feito algún que mereza ser castigado. Ao revés. As sociedades galega, vasca e catalana merecen decidir libremente o seu futuro. Iso é a democracia. O resto é criminalización ao servizo de persoas que aproveitan o status quo para manter os seus privilexios.

Comentarios