Jacinda Ardern deixa por sorpresa o Goberno de Nova Zelandia: "Non teño máis enerxía"

Detrás da decisión, insistiu, "non hai ningún escándalo secreto". A decisión da que tornou en 2017 na mandataria máis nova do mundo estivo motivada polo seu "esgotamento persoal" e "falta de gasolina" para afrontar os desafíos próximos.
Jacinda Ardern, xunto ao seu marido, abandona a sala de prensa após anunciar a súa dimisión esta quinta feira. (Foto: AAPIMAGE / DPA)
photo_camera Jacinda Ardern, xunto ao seu marido, abandona a sala de prensa após anunciar a súa dimisión esta quinta feira. (Foto: AAPIMAGE / DPA)

O mandato de Jacinda Ardern (Partido Laborista) en Nova Zelandia espertou interese a nivel internacional desde o momento do seu nomeamento como primeira ministra en 2017, pois tornou entón na xefa de Goberno máis nova do mundo, accedendo ao cargo con 37 anos. Unha pandemia, un ataque terrorista e unha erupción volcánica no seu territorio foron os maiores retos, que non os únicos, aos que tivo que facer fronte neste tempo.

Ardern foi tamén a primeira dirixente en levar un bebé, o seu, á Asemblea Xeral da ONU, en 2018. A imaxe deu a volta ao mundo e protagonizou portadas como exemplo do que a propia política laborista defendía: normalizar os roles de nai e líder dun país ao mesmo tempo.

Sucesos que ela mesma cualifica de "esgotadores" e cun "peso" sobre as súas costas que motivou o anuncio da súa dimisión, que anunciou esta quinta feira e que se fará efectiva o próximo mes de febreiro. "Unha cousa é liderar o teu país en tempos de paz, e outra guialo a través dunha crise", dixo a xa ex primeira ministra, en declaracións recollidas pola BBC.

Mais detrás desta decisión, asegurou, non se agocha "ningún escándalo secreto", senón que se debe a que xa non lle queda "enerxía". "Din todo de min para ser primeira minsitra, mais tamén custou moito. Non podo nin debo facer este traballo a menos que teña o depósito cheo e mais un pouco de reserva para eses desafíos inesperados que inevitabelmente se presentan. É o meu momento", precisou.

Do seu mandato destaca que o Goberno neozelandés "deu a volta ás estatísticas de pobreza infantil" e logrou os "progresos máis significativos das últimas décadas" en materia de vivenda pública e políticas sociais ou na loita contra o cambio climático.

"Tamén tivemos que responder a unha importante incursión de bioseguridade, un ataque terrorista, unha erupción volcánica e unha pandemia global e a conseguinte crise económica. As decisións que houbo que tomar neste tempo foron constantes e de peso", engadiu a ex mandataria.

Jacinda Ardern tomou posesión como primeira ministra en outubro de 2017, após alcanzar un acordo cos Verdes e os ultranacionalistas de Nova Zelandia Primeiro para pór fin a unha década de gobernos do conservador Partido Nacional de Nova Zelandia, e en 2020 repetiu no cargo após obter maioría absoluta nas eleccións xerais. A seguinte cita nas urnas, xa sen Ardern, será en outubro deste ano.

Comentarios