Izquierda Castellana evita polo de agora o intento de ilegalización do Ministerio de Interior

A Audiencia Nacional española atrasa o litixio despois das probas presentadas pola formación soberanista.
Concentración onte en Madrid. (Foto: Izquierda Castellana)
photo_camera Concentración en Madrid, esta terza feira. (Foto: Izquierda Castellana)

O Xulgado 6 da Audiencia Nacional española resolveu esta terza feira dar dez días ás partes para avaliar as probas presentadas por Izquierda Castellana (IzCa), polo que adía durante ese tempo a decisión sobre a ilegalización da formación soberanista, instada polo Ministerio de Interior, que dirixe Fernando Grande-Marlaska, baseado en cuestións administrativas.

Apoiados por representantes de Bloque Nacionalista Galego, EH Bildu, Candidatura d’Unitat Popular, Junts e a Assemblea Nacional Catalana, militantes e simpatizantes de IzCa concentráronse diante do tribunal pouco antes da sesión, alí estaba o seu voceiro nacional, Luis Ocampo, que destacou que o acontecido é “unha vitoria parcial”, recolle Naiz.

Asemade, o líder da formación acusou a Xustiza estatal de “incapacidade e ineficacia”, subliñando a “neglixencia” da Avogacía Xeral do Estado, que non tiña un profesional preparado tras xubilarse o anterior responsábel da causa.

Ocampo tamén se referiu a Marlaska, “un ministro que sigue a tradición habitual neste réxime do posfranquismo que ten como hábito a represión e o autoritarismo. Todo o mundo lembra como facía a vista gorda perante a comunicación de torturas dos que ían declarar”, indicou.

O intento de ilegalización foi impulsado por Interior, que solicitou a extinción e ilegalización da forza política, con 19 anos de historia, por non adecuarse os seus estatutos ás reformas da Lei de partidos executada en 2015 no Goberno de Mariano Raxoi e o Partido Popular.

Daquela, informouse de que se advertiría ás formacións que tiveran que actualizar os seus estatutos, porén, a notificación nunha chegou á sede de Izca, “é curioso porque o enderezo correcto si que o tiñan porque é onde enviaron o aviso de ilegalización”, asevera Ocampo, “unha vez que coñecemos os cambios que tíñamos que facer, fixémolos. Eran só aspectos técnicos”.

Aínda que o Rexistro de Partidos Políticos, que depende de Interior, xa avalou os novos estatutos de Izca, a Fiscalía mantivo o seu apoio á solicitude do Ministerio. Así e todo, a organización agarda que ao desaparecer os motivos xustificados polas autoridades españolas para acabar co partido a Audiencia Nacional non tarde en fallar ao seu favor.

“Sería moi nefasto para o Goberno de progreso, entre aspas, unha ilegalización” por un tecnicismo, asegura, con “especial relevancia no 500º aniversario da revolución dos comuneiros casteláns”.

Comentarios