IU someterá o pacto con Podemos ao refrendo das súas bases

A dirección da coalición esquerdista, hexemonizada polo PCE, é partidaria de renovar a entente co partido morado, a pesar do mal resultado da confluencia nas recentes eleccións andaluzas.

Alberto Garzón e Pablo Iglesias
photo_camera Alberto Garzón e Pablo Iglesias após asinaren o seu acordo de xuño de 2016

2+2 non son 4 en política e ás veces poden chegar a ser 3. A dirección de IU ten iso moi claro após os precedente das eleccións xerais de xuño de 2016 e o recente resultado das andaluzas. Mais mesmo así é partidaria de alcanzar un acordo coa marca liderada por Pablo Iglesias.

"En algúns ámbitos si que se pode entender certa división na esquerda. Por exemplo, en Madrid non ten moito xeito ir con Errejón. Mais para o Congreso a xente progresista o que quer é unidade", din a Sermos fontes de Esquerda Unida que tamén traballan por tender pontes co villarismo nunha operación politicamente incerta.

En Madrid, IU xoga con distintos taboleiros: o autonómico e o estatal. No primeiro non preocupa en exceso rachar con Podemos en comunidades como Asturias, Murcia ou Nafarroa. No segundo a idea de que se parte é alcanzar un acordo programático co partido morado e, despois, submetelo a un referendo das bases da organización.

A pergunta que se trasladaría á militancia rezaría así: "Estás de acordo con que IU concorra en coalición electoral con Podemos, Equo e outras organizacións políticas nas Eleccións Xerais de 2019 en base ao seguinte acordo?". O referendo, telemático, sería entre o 4 e o 9 de marzo, con posibilidade de votación presencial en urna o 10 de marzo.

Na pergunta utilízase a expresión "outras organizacións políticas", no caso galego a En Marea de Luís Villares que, porén, anunciou a súa decisión de concorrer en solitario ao 28A. 

Comentarios