IU lanza un torpedo á estratexia de Podemos ao promover a plataforma Ahora en Común

O taboleiro político continúa fervillando, coa vista posta nas xerais deste inverno. Unha nova plataforma da esquerda estatal debrúzase sobre o escenario.

alberto garzón (foto IU)
photo_camera Garzón atende a imprensa [Foto: IU]


Podemos non vai modificar o seu guión de aquí ás xerais. Esta quinta feira, até un destacado dirixente crítico, Pablo Echenique, mostrou a súa fidelidade á liña estabelecida polo congreso fundacional de Vista Alegre, isto é, Podemos concorrerá como tal, coa súa propia marca, ás eleccións xerais [menos en Galiza, Catalunya e Valencia onde tencionan ir como Podemos-Guión-Outra Cousa]. A retórica da unidade popular é iso, retórica. A ferramenta do cambio é Podemos, insisten os dirixentes da formación dos círculos.

Non todos. Algúns críticos de Podemos si asinaron un manifesto da nova plataforma da esquerda estatal, Ahora en Común, que esta quinta feira compareceu como un novo actor nun taboleiro cada día máis ateigado de pezas. Non son os dirixentes máis relevantes do sector crítico podemita, non só non está Echenique, senón que tampouco aparece Teresa Rodríguez, a líder andaluza. IU só conseguiu até o de agora o apoio de Isidro López, deputado de Podemos na Asemblea de Madrid, e de Diego Pacheco, membro da dirección autonómica podemita na comunidade autónoma madrileña. Iso no que atinxe ao plano dos cadros dirixentes, entre militantes e simpatizantes da formación emerxente liderada por Pablo Iglesias si que hai adhesións á nova plataforma.

Alberto Garzón considera esta iniciativa como o xerme necesario da fórmula de concorrencia da esquerda nas eleccións xerais

Existen poucas dúbidas, por non dicer ningunha, de que detrás de Ahora en Común está o sector renovador de Izquierda Unida, liderado por Alberto Garzón, o seu candidato á presidencia do Goberno.

Garzón promove unha estratexia -a de apresentar a esquerda unida nas xerais en candidaturas sen siglas inspiradas nas experiencias de Ahora Madrid e Barcelona en Común- que é absolutamente antagonista da que defende Pablo Iglesias -a de postular Podemos como contenedor desa unidade popular e como ferramenta fetiche para conquistar o poder.

O candidato de IU revelou esta quinta feira que non fai parte aínda da nova plataforma para non se constituír nun “obstáculo”, mas mostrou o seu entusiasmo polo aparecimento desta iniciativa que considera o xerme necesario da fórmula de concorrencia da esquerda nas eleccións xerais.

O manifesto de Agora en Común foi asinado polo alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. Dirixente do sector renovador de Esquerda Unida, Suárez apresouse a esclarecer que a súa asinatura é a título persoal, e non en nome da plataforma pola que concorreu ás eleccións municipais. Contodo, enfatizou que na súa opinión Ahora en Común non ten por que ser contraditoria coas mareas galegas.

Fontes consultadas por Sermos Galiza apontan a que as críticas a Pablo Iglesias mesmo acabarán chegando por parte da dirección da organización galega de Podemos

Asinaron tamén representantes moi coñecidos de Izquierda Unida como o eurodeputado Javier Couso, o economista Eduardo Garzón ou o concelleiro de Agora Madrid, Mauricio Valiente, ex candidato de IU enfrontado á organización madrileña desta organización. Tamén estamparon a sua asinatura portavoces de Equo.

O aparecimento desta plataforma aumenta a presión sobre Pablo Iglesias, debilitado nas últimas datas polas críticas internas ao método de primarias proposto por el para a conformación das candidaturas para as xerais [por circunscrición única e con listas “plancha”, favorecedoras, segundo os críticos, de prácticas de control por parte do aparato].

Fontes consultadas por Sermos Galiza apontan a que as críticas mesmo acabarán chegando por parte da organización galega de Podemos, que medita enviar un escrito á dirección estatal para que introduza mudanzas no procedimento destas primarias.

Comentarios