IU e Podemos rachan en Nafarroa, Murcia e Asturias e están distantes en Castela-León, Aragón e Madrid

Malos tempos para a lírica, e para a épica, da unidade popular. Nun momento político sen precedentes na historia do réxime de 1978, con eleccións xerais e municipais/autonómicas/europeas separadas por apenas un mes, os dous componentes básicos da esquerda estatal non socialdemócrata flirtean coa ruptura. O cisma, no horizonte das autonómicas do 26M, xa se consumou en Nafarroa, Murcia e Asturias.

iglesias e garzón
photo_camera iglesias e garzón

O 26M hai eleccións municipais e europeas. E tamén autonómicas en 13 comunidades autónomas. Pois ben, IU informou onte de que non irá coligado con Podemos en no mínimo tres delas —Nafarroa, Murcia e Asturias. Hai tamén perspectivas de ruptura en Castela-León, Aragón e Madrid.

A dificultade á hora de articular as listas —IU entende que Podemos cotiza á baixa e que, por tanto, o seu peso relativo debe ser maior que o tido por exemplo nas candidaturas ás eleccións xerais de 2016— e a negativa do partido morado a realizar primarias conxuntas son algúns dos factores que explican o distanciamento.

Algunhas fontes recollidas por eldiario.es sinalan que se a unidade popular se disolve en Madrid non sería desbotábel que a ruptura fose completa e nas eleccións xerais IU e Podemos comparecesen por separado.

Hai un factor que empurra nesa dirección: a constatación de que a adición das súas siglas non suma, como se viu quer nas xerais de xuño de 2016, con por volta de un millón de votos menos dos que obtiveran por separado en decembro de 2015, quer nas recentes eleccións andaluzas, cunha perda global de perto de 300 mil sufraxios.

Na Galiza, mentres tanto, as relacións entre EU e Podemos son boas. Úneos un rival común: o villarismo.

Comentarios