Italia vota mañá nuns comicios en que as sondaxes prevén a vitoria da ultradereita

Após a dimisión do ex primeiro ministro Mario Draghi convocáronse eleccións anticipadas 
Vista xeral da Cámara de deputadas e deputados italiana (Foto: Roberto Monaldo / LaPresse via ZUM / DPA)
photo_camera Vista xeral da Cámara de deputadas e deputados italiana (Foto: Roberto Monaldo / LaPresse via ZUM / DPA)

A poboación italiana está chamada ás urnas este domingo para determinar a composición das dúas cámaras que conforman o Parlamento (a coñecida como 'Cámara dos deputados' e o Senado).

Trátase dunhas eleccións anticipadas que veñen dadas após a dimisión do ex primeiro ministro o pasado mes de xullo, Mario Draghi. A coalición de Goberno que Draghi dirixía colapsou provocando o adianto electoral. 

Desde os primeiros momentos, a ameaza dunha volta da extrema dereita ao poder estivo presente, algo que se confirmou coas primeiras enquisas que lle outorgaban a vitoria ao bloque da ultradereita, unha tendencia que se veu repetindo en practicamente todas as sondaxes posteriores. 

A coalición "conservadora"  está conformada polo partido neofascista Irmáns de Italia, liderado por Giorgia Meloni, A Liga do ex primeiro Matteo Salvini, e mais polo partido do tamén ex primeiro ministro, Silvio Berlusconi (Forza Italia). Estes tres partidos formaron unha coalición electoral para se presentaren ás eleccións, e nas sondaxes Meloni sería a candidata máis apoiada, a pesar de que hai catro anos apenas conseguiu 4% dos sufraxios.

Pola súa parte, o partido do ex primeiro ministro Enrico Letta, o Partido Democrático (coñecido como o herdeiro da socialdemocracia italiana), busca "concentrar o voto progresista" tal e como vén indicando Enrico Letta nos últimos tempos. O Partido Democrático manifesta no seu programa electoral que buscará "continuar as políticas de Draghi apostando pola cohesión social". 

O Movemento 5 Estrelas do tamén ex primeiro ministro Giuseppe Conte, foi a forza máis votada nas últimas eleccións e a forza que lle retirou o apoio a Draghi en xuño. Busca voltar ao poder mais as enquisas non lle son favorábeis. 

O sistema electoral italiano

Un referendo avalou en setembro do ano 2020 unha importante reforma constitucional que implicou rebaixar de 630 a 400 a cifra de escanos na Cámara de Deputados. Tamén se reduciu de 315 a 200 o número de senadores designados por votación popular. 

O Estado italiano estreou nas eleccións de 2018 este sistema electoral que, teoricamente, favorece a implantación de bloques e os partidos con maior expansión territorial. A Cámara de deputados e o mais Senado serán constituídos o vindeiro día 13 de outubro.

Comentarios