Italia, primeiro Estado da UE en solicitar axuda do Fondo de Solidariedade

A resposta da Comisión chegará despois do 24 de xuño, tras avaliar como un paquete todas as solicitudes dos Estados membros.

elisa_ferreira
photo_camera A comisaria de Cohesión, a portuguesa Elisa Ferreira (ec.europa.eu)

A Comisión Europea informou nesta segunda feira, 27 de abril, que Italia presentara unha solicitude de axuda ao Fondo de Solidariedade da Unión Europea (FSUE) para a pandemia de coronavirus.

A comisaria de Cohesión, a portuguesa Elisa Ferreira, deixou claro que Italia recibirá axuda: "Italia é actualmente o Estado membro máis afectado pola crise do coronavirus e o primeiro país en pedir axuda ao Fondo de Solidariedade da UE neste contexto".

A resposta da Comisión chegará despois do 24 de xuño, tras avaliar como un paquete todas as solicitudes dos Estados membros, e actuar en coordinación co Parlamento e co Consello.

O FSUE permite á UE, como organismo, axudar de forma efectiva un Estado membro ou país en vías de adhesión nos seus esforzos por facer fronte aos danos provocados por unha catástrofe natural grave.

O Executivo comunitario modificou no 13 de marzo as normas que rexen o FSUE para que contemplase tamén as cuestións relacionadas coa urxencia sanitaria. Conta con 800 millóns de euros dispoñíbeis para 2020.

500 millóns desde 2002

O FSUE creouse tras as graves inundacións que devastaron Europa central no verán de 2002. Desde entón, utilizouse 80 veces en resposta a diferentes tipos de catástrofes, incluídas inundacións, incendios forestas, terremotos, tormentas e secas.

Até o momento, desembolsou máis de 500 millóns de euros en 24 países europeos.

Comentarios