mércores 28/10/20

Italia mantén a Covid controlada, mais as expertas cren que a segunda vaga chegará

Foi durante tempo o epicentro da pandemia da Covid. Agora, con respecto aos países do seu entorno, semella ter a situación controlada de acordo ás estatísticas sobre o número de contaxios e mortes. Non obstante, os expertos son menos optimistas que os gobernantes e piden que non se baixe a garda ante o virus.
EuropaPress_3345997_mujer_mascarilla_roma (1)
Unha muller con máscara en Roma (Gennaro Leonardi / Zuma Press)

Italia, que durante moitas semanas foi o país do mundo con máis contaxios e mortes pola Covid, mantense agora por detrás doutros do seu entorno como España e Francia. As autoridades cren que a segunda vaga está aínda por chegar, mais o certo é que, nos últimos días, mentres que se rexistraban uns 1.500 novos casos diarios en solo italiano, no territorio español e francés esa cifra era até dez veces máis alta. 

Segundo os últimos datos facilitados onte polo Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades, nos últimos 14 días o Estado español rexistrou 320 contaxios e tres mortes por cada 100.000 habitantes. Francia, 235 contaxios e unha morte tamén por cada 100.000 habitantes. E Italia, pola súa banda, tan só 37 contaxios por cada 100.000 habitantes e unha morte por cada 250.000.

O médico Nino Cartabellotta, presidente do Grupo Italiano pola Medicina Baseada nas Probas (Gimbe, polas siglas en italiano), citado por medios italianos, considera que "non hai probas de que o comportamento social e individual, como o uso de máscaras, a distancia social ou a ausencia de reunións, fose mellor en Italia que en calquera outro sitio".

Rastrexo e tests masivos

Pola contra, Cartabellotta considera que a explicación máis plausíbel apunta cara a unha combinación de factores: correcta e masiva elaboración de tests, sistemas extensivos de rastrexo, estritas medidas de seguridade e o feito de que "o confinamento temperán, rigoroso e duradeiro funcionou mellor aquí en Italia que noutros países que dubidaron en se fechar, fecharon menos tempo e reabriron antes".

Membro do panel de expertos científicos do Goberno, Cartabellotta é cauto. Xa no mes de maio sostivo que o desconfinamento era apresurado e que se estaban a pór "os intereses económicos por diante dos sanitarios". Tamén agora considera que "aínda que menos rapidamente que noutros países, desde finais de xullo a curva de contaxios está a medrar de novo" en Italia.

O Goberno italiano apostou pola capacidade para facer probas masivas e rastrexar posíbeis contaxios como principais ferramentas para conter a epidemia. "O sistema de saúde de Italia tornouse máis forte", afirmaba optimista o ministro de Sanidade, Roberto Speranza, hai un mes. Consideraba que a capacidade para procurar a orixe dun surto desbotaba a posibilidade de futuros confinamentos a nivel estatal, algo que se conseguiu con maior investimento público.

Como funciona o sistema italiano? Cando se detecta un caso positivo da Covid, as autoridades fan tests a toda a órbita de achegados desa persoa ─incluídos familiares, amizades, compañeiros de traballo ou veciñanza─ tanto se estiveron expostos como se non a un contacto físico co contaxiado. 

Cautela dos expertos

Isto permitiu detectar casos asintomáticos, mais segundo comenta en La Repubblica Andrea Crisanti, profesor de microbioloxía na Universidade de Padua e unha das figuras chave na contención do virus en Italia,  "chega un momento en que supera a nosa capacidade". "O rastrexo é importante, mais é impreciso. É case imposíbel para calquera lembrar todos os contactos que tivo durante os últimos cinco días ou así, especialmente se a persoa está enferma".

Polo momento, nos puntos estabelecidos para facer tests ─aos que se chega en coche, sen necesidade de baixar del─ o tempo de espera é baixo, mais desde o regreso ás escolas a mediados de setembro comeza a haber certas dificultades para poder facer as probas. Unha situación que se vive na maioría dos países de Europa e que en Italia comeza a preocupar.

Tamén outro dato mantén os expertos máis cautos que os gobernantes: Italia podería ter números máis baixos de contaxios pola simple razón de que, paradoxalmente, está a realizar menos tests. Segundo cifras do Portal Europeo de Datos, desde o pasado 1 de agosto tanto Francia (1,16 por cada mil habitantes) como España (0,96) fixeron máis tests que Italia (0,46). E desde o 1 de setembro, Francia está a facer un total de 2,06; España, 1,86; e Italia, 0,94.

A China, outro modelo de control cando a cifra mundial de mortes chega a un millón

Outro exemplo de aparente éxito na contención da Covid é o da China, país onde se orixinou o novo coronavirus. A chave neste caso estaría nas políticas adoptadas durante a primeira vaga. Segundo un estudo publicado a comezos de maio na revista Science, as estritas medidas de seguridade sanitaria estabelecidas nos primeiros 50 días "adiaron o crecemento e limitaron o tamaño da epidemia da Covid-19 na China, evitando centos de miles de casos a data de 19 de febreiro".

Esta mesma semana, o presidente do país gabábase da actuación da China para conter a expansión dentro das súas fronteiras. No total do mundo, onte chegábase á cifra dun millón de mortes, aínda que os expertos cren que é moito maior. Segundo o reconto da Universidade Johns Hopkins, os EUA, o Brasil e a India suman case a metade dos falecementos.

comentarios