Italia e Francia sacan a carteira con vistas ao 'día despois'

Os Executivos de Giuseppe Conte e de Emmanuel Macron anuncian grandes paquetes de medidas económicas para paliar os efectos do coronavirus, especialmente entre as pequenas e medianas empresas.
conte-macron
photo_camera Á esquerda, Conte, e á dereita, Macron, dirixíndose á cidadanía para presentar as últimas medidas contra o coronavirus (Nós Diario)

En Francia, o ministro de Economía e Finanzas, Bruno Le Maire, presentou esta terza feira, 17 de marzo, un paquete de axuda de 45.000 millóns de euros para as empresas e os traballadores ante a crise do coronavirus, que conducirá a unha recesión este ano.

Le Maire, nunha entrevista á emisora RTL, indicou que o Goberno de Francia vai modificar as previsións orzamentarias en función da caída do produto interior bruto (PIB), que calculan que caerá 1 %, aínda que "é unha cifra provisional".

O ministro destacou que os 45.000 millóns de euros de axudas súmanse ás garantías do Estado francés de 300.000 millóns de euros anunciados na noite da segunda feira, 16 de marzo, por Emmanuel Macron. O presidente francés, nunha alocución televisada, explicou que ese diñeiro se dedicará a salvar as empresas.

Macron ademais dixo que o Estado asumirá o pago dos créditos bancarios contraídos, que se suspenderá o pago de impostos e cotizacións sociais, das facturas de auga, luz e gas, así como os alugueiros. No seu parlamento non deixou claro se estas medidas se aplicarán só ás empresas ou a toda a poboación, mais Le Maire aclarou que están destinadas só ás pequenas empresas en problemas.

Desempregados e autónomos

Tamén Italia aprobou nesta segunda feira un primeiro paquete de 25.000 millóns de euros para axudar o sistema económico italiano, as empresas e as familias. Segundo detallou o ministro de Economía, Roberto Gualtieri, 3.500 millóns irán destinados a reforzar o sistema sanitario e a protección civil.

Ademais, o Executivo de Giuseppe Conte contempla axudas de 10.000 millóns de euros para apoiar o emprego, onde se inclúen subsidios ás persoas desempregadas e unha pago de 600 euros aos autónomos neste mes de marzo. Tamén haberá axudas ás empresas para evitar despedimentos.

Entre outras medidas, contémplase a conxelación do pago da hipoteca para quen non cobre ou quede sen traballo nestes días, así como a suspensión temporal das obrigas fiscais de pequenas e medianas empresas e da cidadanía. A corentena contará como baixa por enfermidade, e haberá unha extensión de 15 días en permisos por natalidade.

Comentarios