Italia para e só manterá aquelas actividades “esenciais”

O COVID-19 continúa enplena escalada no país: 793 falecementos en só un día. O número de persoas falecidas xa se achega ás 5.000 e hai 53.000 infectadas. O dado positivo no marco desta traxedia: 6.000 altas.

italia

“A infección non para, Conte fecha case todo” (Il Manifesto), “En toda Italia cesa a actividade produtiva non necesaria” (Corriere della Sera), “Stop a toda actividade non estratéxica “ (La Stampa). As capas dixitais dos xornais italianos resumían ás claras o anuncio que o primeiro ministro Giuseppe Conte realizou na noite do sábado.

Italia bota o fecho a toda aquela actividade que non sexa indispensábel, estratéxica para o funcionamento do país. Unha medida que se está a concretar polo miúdo e que nun principio se estenderá até o 3 de abril desde este domingo, se ben a prórroga desta medida está xa sobre a mesa.

A decisión anúnciase após unha xornada negra, con 793 falecementos polo COVID-19 nun só día e cando o número de persoas infectadas supera as 53.000. O coronavirus xa matou en Italia, á altura de 21 de marzo, 4.825 persoas. O dato positivo, no marco destas malas novas, é que xa hai 6.000 altas. 

"O motor do país diminúe mais non se detén", dixo Conte na súa mensaxe nocturna ao país. A distinción entre as actividades necesarias e aquelas que non son esecenciais estase a perfilar polo miúdo mais farmacias e establecementos de alimentosserán algúns dos que poidan  permanecer abertos.

'Il Manifesto' incide en que o primeiro ministro tomou a decisión após a insistencia de sindicatos e parte da patronal para que tomase medidas máis drásticas e mandase parar toda actividade non estratéxica.

A mensaxe dos representantes sindicais este sábado a Conte foi contundente: "Pedímosche que peches todas as actividades non esenciais".

80 actividades

Porén, o xornal 'La Stampa' informa que hai 80 actividades clasificadas como 'esenciais': da alimentación ao transporte público, pasando pola eliminación de residuos, a información, os servizos financeiros ou a reparación de maquinaria

Comentarios