Italia conta con estender até fin de ano o estado de emerxencia

O Goberno, ademais, prohibiu a entrada no seu territorio á cidadanía de 13 países onde se rexistra un alto número de casos da Covid-19.
EuropaPress_3224312_07_july_2020_italy_rome_italian_prime_minister_giuseppe_conte_speaks_at
photo_camera O primeiro ministro de Italia, Giuseppe Conte (Roberto Monaldo / LaPresse)

O primeiro ministro de Italia, Giuseppe Conte, deu por feito nesta sexta feira, 10 de xullo, unha prórroga do estado de emerxencia en vigor, que finaliza 31 de xullo, de tal forma que poida permanecer vixente até finais de ano para garantir a adopción de posíbeis medidas fronte ao coronavirus.

As autoridades italianas decretaron o estado de emerxencia a finais de xaneiro, pouco despois de se detectaren os primeiros casos da Covid-19. Neste tempo Italia, que chegou a ser o país do mundo con máis contaxios, acumulou máis de 242.000, mentres que a cifra de falecidos roza os 35.000.

Conte afirmou na sexta que, aínda que "é unha decisión colexiada" do Consello de Ministros, ve conveniente ampliar as medidas excepcionais. "A eventual prórroga do estado de emerxencia significa que estamos en condicións de adoptar as medidas necesarias, aínda que sexan mínimas", sinalou, segundo recollen os medios.

De non se prolongar, advertiu o primeiro ministro, poderíase dar o caso de non dispor de suficientes ferramentas para "intervir" nun momento dado, "aínda que for en territorios concretos". Polo tanto, "imos cara á prórroga do estado de emerxencia", concluíu Conte.

13 países vetados

Italia, ademais, prohibiu a entrada no seu territorio á cidadanía de 13 países onde se rexistra un alto número de casos da Covid-19. Esta medida supón a cancelación das conexións aéreas directas ou indirectas co Brasil, Chile, o Perú, Panamá, Bosnia-Hercegovina e Bangladesh, entre outros.

Italia conta cunha importante comunidade bangladeshí. Esta semana as autoridades impediron o desembarco de 135 pasaxeiros desta nacionalidade que chegaron ao aeroporto romano de Fiumicino desde Catar.

Comentarios