Israel retira as tropas da Faixa de Gaza

Após entrar en vigor a tregua de 72 horas, o exército de terra israelita abandonou o territorio, deixando máis de 1.800 persoas asasinadas logo de case un mes de agresións.

"Responderemos se disparan", asegurou un mando militar israelita ás axencias internacionais. Porén, o Tashal retirou esta terza feira (5 de agosto) as súas tropas terrestres da Faixa de Gaza. Fíxoo após entrar en vigor o cesamento ao fogo de 72 horas acordado na segunda feira coas organizacións políticas palestinas coas que se reuniron en Exipto. 

A tregua entrou en vigor ás 8.00 a.m (hora local, 5.00 a.m gira galega), pouco despois comezaba o repregamento militar israelita por terra, se ben, nas últimas horas do 4 de agosto xa comezaran a abandonar Gaza os blindados situados na parte norte da Faixa. No entanto, Israel mantivo as súas hostilidades no sur, nomeadamente na cidade de Rafah, na fronteira con Exipto. 

A ONU cifra no 80% o número de vítimas civís na ofensiva

Segundo o goberno sionista a súa saída débese a teren cumprido cos obxectivos, isto é, a destrución dos "túneis de Hamas" que cifran en 32 e decenas de puntos de acceso. Así o indicaron fontes gobernamentais á emisora Army Radio onde tamén sinalaron que foran "bombardeados 4.800 obxectivos e asasinados 900 terroristas", é dicir, o 50% das persoas asasinadas. 

Así as cousas, Nacións Unidas cifra en arredor do 80% as vítimas civís da operación 'Bordo Protector'. Por outra banda, o exército istaelita contou con 63 baixas entre os seus uniformados desde que se iniciou a ofensiva o pasado 8 de xullo. Todos eles no marco dos ataques por terra. 

A Alta comisionada para os Dereitos Humanos exixe responsabilidades

Pide ao Estado de Israel que asuma as súas responsabilidades pola "crecentes evidencias" de térense cometido "crimes de guerra" durante a intervención militar. Segundo Navi Pillay, do decorrer da operación 'Bordo Protector' resultou un "número nunca visto de vítimas civís, incluíndo 250 crianzas". 

Aliás lembra no seu comunicado que "seis escolas das Nacións Unidas foron atacadas" e que causaron a morte de civís e, tamén, profesionais da ONU, cando o que procuraban era "apartarse do conflito", sentenciou.

O Estado español suspendeu "cautelarmente" a venda de armas a Israel

Poucas horas antes de se acordar o cesamento o fogo, o Estado español e Francia endurecían o seu discurso a respeito das agresións israelitas contra Gaza. Neste senso, Madrid anunciaba a suspensión cautelar da venda de armas a Israel. Unhas relacións comerciais que no pasado exercicio (2013) se situaron en perto de 5 millóns de euros (4,9). 

Segundo informaron fontes de Moncloa a decisión foi adoptada o 31 de agosto e podería ser revisada en setembro. Pola súa banda, o presidente francés, Fraçois Hollande catalogaba de "masacre" a intervención militar israelita após o ataque contra unha escola da ONU. Ora ben, aseguraba de maneira simultánea que o dereito de Israel á lexítima defensa é "total". 

Comentarios