''Israel quer un Parlamento sen árabes, un paso máis para un país sen árabes''

A reforma electoral israelita, coa suba do listón para entrar na Cámara pon en perigo a presenza das formacións árabes na Knesset. Ahamad Tibi, deputado da Lista Árabe Unida-Ta'al considera que o que se procura é 'limpar' Israel de árabes-israelitas.

israel, palestina

O Parlamento israelita (Knesset) aprobou por maioría absoluta un cambio na lei electoral que ten como unha das súas primeiras consecuencias poñer en risco que as formacións políticas árabes teñan representación nesa Cámara, segundo informa Nationalia. Unha das modificacións aprobadas é que se eleve do 2% actual ao 3,25% a barreira para ter representación na Knesset. De se aplicar xa esa medida, 2 das 3 formacións árabes no parlamento ficarían fóra.

Con esta lei finiquítase o pluralismo do voto arabe-israelita pois ficaría fóra o partido de tendencia comunista e o do nacionalismo árabe de esquerdas

Na cámara hai 3 partidos árabes: A coligación Lista Árabe Unida-Ta'al (o primeiro nacionalista árabe e islamista, o segundo inclinado ao secularismo), Hadash (comunista) e Bald (centro-esquerda). Xa que logo, o voto árabe-israelita non é monolítico, senón que ten diversidade e pluralidade. Algo que finiquita esta reforma electoral.

Das 120 deputad@s da Knesset 11 son de partidos árabes: 4 da Lista árabe Unida-Ta'al, outros 4 de Hadash (se ben este defínese como 'árabe e xudeu') e 3 de Balad. O Ta'al tivo o 3,65% dos votos, Hadash 2,99 por cento e Balad non chegou nin ao 2,6%. Así pois, o se elevar o límite mínimo a un 3,25% eses dous últimos partidos quedarían sen representación.

Apelar á normalidade democrática nun país ocupante

Os principais valedores da reforma electoral (Likud, Yisrael Beitenu e Yesh Atid) din que o 2% facilitaba a 'fragmentación' parlamentar e obrigaba a coligacións de goberno que implicaban “inestabilidade”. A isto engaden que esa barreira segue a ser das máis baixas do mundo e poñen os exemplos de Alemaña (5%) ou Turquía (10%). No caso de Galiza, ese límite é o 5 por cento.

Mais @s detractor@s desa modificación veno de xeito moi diferente. Empezando pol@s propi@s árabes. O deputado Ahmad Tibi considera que con esa reforma o que se procura é “unha Knesset sen árabes no camiño dun país sen árabes”. Mais a oposición á nova lei abrolla tamén entre a esquerda israelita. Un exemplo é o articulista Roy Isacowitz: “O efecto de elevar ese limite é negar aos árabes -israelitas (...) o que se lle garante aos xudeus”.

Comentarios