Denuncia Michael Lynk, relator da ONU

Israel pretende roubar terras palestinas

Un proxecto de lei promovido polo Executivo do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, tenta apropiarse das terras en que se construíron os asentamentos de colonos.

Michael Lynk, relator da UNU . Foto ONU/Mark Garten
photo_camera Michael Lynk, relator da ONU . Foto ONU/Mark Garten

O relator especial sobre a situación dos dereitos humanos nos Territorios Palestinos ocupados desde 1967, Michael Lynk, denunciou esta segunda feira que Israel tenta dar luz verde ao roubo de terras palestinas cun proxecto de lei que permite a confiscación de terreos privados ao legalizar máis de 100 asentamentos xudeus ilegais en Cisxordania.


Lynk, nun comunicado,  mostrouse “profundamente preocupado” por que o proxecto de lei suporía “un duro golpe ás esperanzas dunha paz duradeira”  na rexión, despois de que a Knesset (o Parlamento israelí) aprobase o pasado mércores un primeiro bosquexo do proxecto de lei.

Asentamentos ilegais

A maioría dos asentamentos xudeus na Cisxordania ocupada son considerados ilegais baixo a lei israelí, polo que a súa legalización retroactiva será outro cravo no cadaleito da solución  dos problemas pendentes entre os dous Estados, dixo Lynk.

A Knesset non debería dar luz verde ao roubo mudando a lei

Tamén indicou que eses asentamentos “socavan o dereito dos palestinos á libre determinación, violan os seus dereitos á propiedade, a liberdade de movemento e o desenvolvemento, e continúan confinando os palestinos a cantóns máis e máis pequenos de terras non contiguas dentro do seu propio territorio”

Este relator especial da ONU sinalou que a aprobación do proxecto de lei permitiría a Israel apropiarse de terras palestinas privadas nas que se construíron os asentamentos, co que regularizará o seu uso por parte dos colonos israelís, cando o dereito internacional prohibe á potencia ocupante confiscar a propiedade privada.

A anexión do territorio ocupado tamén sería unha profunda violación do dereito internacional.

“A comunidade internacional debe ser moi clara co Goberno de Israel. Se Israel procede, a comunidade internacional debe estar preparada non só para condenar a acción, senón tamén para adoptar medidas apropiadas para reverter esas violacións”, concluíu Lynk. 

Lynk lembrou que unha potencia ocupante non pode transferir a súa poboación civil ao territorio ocupado e que esta medida viola a cuarta Convención de Xenebra, así como múltiples resolucións da Asemblea Xeral da ONU e do Consello de Seguridade.

O proxecto de lei promovido polo Executivo do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, tenta, entre outras cuestións, impedir a evacuación a finais de ano do asentamento de Amoná, en Cisxordania, como estableceu o Tribunal Supremo israelí tras ditaminar que está construído en terra palestina privada. 

Comentarios