Israel persigue os fugados mentres detén as familias

Mantense a persecución dos seis palestinos que fuxiron dunha prisión israelí de alta seguridade, neste intre, as persoas máis buscadas do país. Israel reprime os presos e detén as familias para tentar que abandonen a evasión.
Cárcere de Gilboa o pasado 8 de setembro. (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)
photo_camera Cárcere de Gilboa o pasado 8 de setembro. (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)

A Policía e as Forzas Armadas de Israel continúan a persecución dos seis palestinos que se fugaron da segunda á terza feira dunha prisión de alta seguridade en Gilboa -norte do país-. Ao tempo, ordenaron deter a cando menos 12 familiares dos fuxidos, aseverou o Club de Prisioneiros Palestinos.

“Deter alguén para obrigar a un ser querido a facer algo é o estilo da mafia”, transmitiu polas redes sociais Omar Shakir, director de Human Rights Watch para Israel e os Territorios Palestinos.

A prensa local sinala que os fugados son cinco membros da Yihad Islámica e un antigo líder das Brigadas dos Mártires de Al Aqsa, a rama militar de Fatah.

A entidade que agrupa as palestinas e palestinos presos en cárceres israelís, denuncia que, desde que se deu a coñecer a evasión, multiplicáronse as malleiras, rexistros e traslados violentos con incursións de unidades especiais do Exército, coma no caso das prisións de Negev e Rimon.

As autoridades pretenden trasladar 400 prisioneiros da Yihad Islámica a outras institucións penais para dispersalos e que non haxa máis dun preso deste grupo por cela. Estes detidos non regresarán á prisión de alta seguridade de Gilboa, recoñeceu onte o Servizo Penitenciario de Israel.

Amais, foron impostas limitacións nos recintos, como a redución de horarios para saír ao patio ou feches de instalacións como duchas ou lavandarías. O Club de Prisioneiros fala “dunha verdadeira guerra” da Administración israelí contra os presos palestinos.

Celebración en Palestina

A pesar do conflito permanente con Israel, miles de persoas saíron á rúa a pasada cuarta feira en cidades de Palestina coma Nablus, Gaza, Xerusalén, Hebrón, Ramala ou Ienin para celebrar a fuxida dos seis palestinos. O Exército de Israel non tardou en reprimir as concentracións nas zonas limítrofes, informa Wafa.

Ademais dos drons despregados por Israel, acompañados de controis de estrada, sobre todo na contorna de Ienín -de onde proceden a meirande parte dos fugados-, as súas Forzas Armadas veñen de confirmar que se suman á pescuda dous batallóns, seis compañías, dous grupos de recoñecemento, varios escuadróns de forzas especiais e equipos de vixilancia aérea.

Comentarios