Israel pena con entre 10 e 20 anos de cadea o lanzamento de pedras

O Parlamento israelita aprobou unha lei que pune "mozos palestinianos que acostuman participar en protestos". Para a ministra de xustiza "un lanzador de pedras é un terrorista". 

Palestina
photo_camera Palestina

A iniciativa lexislativa foi proposta pola ex-ministra de Xustiza, Tzipi Livni, durante o seu cargo e promovida pola actual responsábel ministerial, Ayelet Shaked e visa punir con entre 10 e 20 anos de prisión aquelas persoas que lancen pedras contra as forzas de seguridade ou civís. 

A lei aprobouse no Parlamento israelita por 69 votos a favor e 17 en contra sendo que se dirixe á mocidade palestiniana que "acostuman participar en protestos" contra a ocupación sionista ou as redadas policiais, para alén daqueloutras persoas que "de maneira individual ou como parte dunha facción armada palestiniana tiran pedras contra vehículos" que circulen polos territorios ocupados de Cisxordania. 

A nova norma diferencia dous tipos de delito aos que atribúe unha pena distinta. Isto é até 10 anos sen que a fiscalía teña que demostrar a intención de causar dano e até 20 de ser probado. 

Após a aprobación do texto no lexislativo israelita a titular de Xustiza, a deputada de Fogar Xudeu, Ayelet Shaked, asegurou que "hoxe se fixo xustiza. Durante anos os terroristas escaparon dos castigos e da súa responsanilidade. A indulxencia cos terroristas remata hoxe. Un lanzador de pedras é un terrorista e só unha sentenza acorde pode servir como disuasión". 

Comentarios