Israel nega asistencia médica á poboación de Gaza profundando na crise humanitaria

Un informe publicado pola Organización Mudial da Saúde (OMS) alerta dos casos en que o goberno israelí negou asistencia sanitaria á poboación da Faixa, moitas delas crianzas.

crianzas palestinas
photo_camera As crianzas palestinas son as principais vítimas do bloqueo

Máis de setecentas persoas solicitaron permiso ás autoridades israelís para cruzar o paso fronteirizo de Erez --única vía de acceso cara aos hospitais de Cisxordania, Israel e Xordania--. Desas solicitudes, a Oficina israelí de ligazón de distrito, organismo encargado de autorizar a saída das persoas enfermas, negou o pasado mes de setembro o permiso a 16 doentes, entre elas unha crianza, impedindo deste xeito que puidesen recibir asistencia neurocirúrxica, xinecolóxica ou neurolóxica, entre outras. Aliás, corenta e dúas das peticións non foron nin sequera tramitadas. 

As organizacións internacionais denuncian asemade, que moitas das persoas que finalmente conseguiron o permiso, son retidas na fronteira e en numerosas ocasións, trasladadas a prisión sen que trascendan os motivos. 

As consecuencias do bloqueo imposto por Israel contra a Faixa de Gaza en 2008, agravan a situación da poboación gazací verbo da falta de recursos e da imposibilidade de moita cidadanía palestina para viaxar fóra da Franxa para recibir asistencia médica --como reflicten os datos tirados do informe mensual elaborado pola OMS. A destrución dos hospitais nos sucesivos ataques sionistas e o bloqueo á axuda humanitaria en Gaza, converten a Franxa nunha cadea cuxas condicións de vida foron consideradas por numerosas organizacións internacionais como "peores ás padecidas durante a Guerra dos Seis Días".

O 10% das crianzas gazacís padecen desnutrición crónica 

A escaseza de auga, alimentos e carburantes sitúan á poboación palestina cada vez máis perto dunha crise humanitaria que ten entre as súas principais vítimas ás crianzas gazacís. Save the Children alertaba o pasado mes de agosto nun informe que o 58% d@s menores padecían anemia e o 10% "desnutrición crónica". Aliás, a organización aseguraba que a falta de medicamentos está a incrementar de maneira notábel os casos de febre tifoidea e diarrea; aseverando no informe que "o bloqueo é a única e principal causa da pobreza endémica e de longa duración nos fogares de Gaza", emprazando Israel a permitir a libre circulación de persoas e bens dentro do territorio da Franxa, pois os indicadores reflicten que o 80% da poboación gazací depende xa da asistencia humanitaria. 

Comentarios