Israel insta a poboación da fronteira de Gaza a abandonar as súas casas

O número de vítimas aumenta mentres Tel Aviv prosigue coa ofensiva. Mahmud Abbas acusa a Israel de cometer un "xenocidio" contra o pobo palestiniano.

Gaza

Continúan os ataques do exército israelí contra a Faixa de Gaza. O número de persoas mortas --a maior parte civís-- continúa en aumento e aproxímase á centena após dous días de ofensiva aérea. E Netanyahu ameaza con endurecer as agresións. 

Esta quinta feira (10 de xullo) a imprensa hebrea aseguraba que o goberno israelí tomou contacto coa poboación palestiniana sita na fronteira de Gaza para a instar a abandonar as súas moradas de maneira inmediata. Este movemento podería preceder un recrudecemento dos bombardeos e mesmo a unha ofensiva terrestre. Até o momento Tel Aviv mobilizou a 40.000 reservistas d@s que 20.000 --aseguran fontes gobernamentais-- terían sido desprazados xa á fronteira perante unha posíbel ocupación por terra. 

As advertencias de Israel poderían pregoar unha ofensiva terrestre contra Gaza

Sexa como for o certo é que o executivo israelí non amosa vontade de frear a súa intervención militar. Neste senso, para o presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbas, o que está a acontecer é unha "guerra" de Israel contra o pobo palestiniano.

"Non é unha guerra contra Hamas ou ningunha outra facción, senón contra o pobo", afirmou Abbas en declaracións ao xornal The Jerusalem Post. Asemade, para o presidente da ANP a operación Bordo Protector constitúe "un xenocidio" polo que o seu goberno tería asinado diversos protocolos para solicitar a adhesión de Palestina ao Tribunal Penal Internacional (TPI), algo que lle sería posíbel após ser recoñecido como Estado observador das Nacións Unidas. 

Desde a Faixa de Gaza os grupos armados continúan a lanzar foguetes en resposta aos bombardeos. A cifra sumaría máis de 300 disparos dos cales 67 foron interceptados polas baterías antimísis do sistema israelí denominado 'Cúpula de Ferro'. Até o momento, non houbo vítimas no territorio administrado por Israel. 

O Consello de Seguridade avaliará a situación esta quinta feira 

A situación, que se agrava día a día, será tratada polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas esta esta quinta feira. Desde a Liga Árabe xa demandaron que o órgao executivo tome accións para frear os ataques do goberno israelí contra Gaza. Piden que o Consello actúe "de maneira inmediata".

Ban Ki-Moon di estar "alarmado" polo acontecido

O secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, asegurou sentirse "alarmado" pola "nova onda de violencia" e afirmou que nen Gaza "nen a rexión" pode "enfrontarse a outra guerra a gran escala". Ban, tildou de "inaceptábeis" os lanzamentos de mísis desde a Faixa e solicitou "contención" ás forzas israelís ao tempo que instou as partes a volver a un cesamento ao fogo. Porén, non condenou a ofensiva militar iniciada por Tel Aviv. 

Levar Israel aos tribunais internacionais

En Galiza o responsábel da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), Fayed Badawi, instou a comunidade internacional a deixarse de "boas palabras" e actuar perante "un pobo que está a ser esnaquizado". 

Fayez Badawi (Fronte Popular de Liberación de Palestina): "Hai un pobo ao que están esnaquizado ao que queren aniquilar"

"O máximo que temos recibido de Europa, dos gobernantes, e lamentarse e nada máis, e o que esiximos e que rompan relacións con Israel, que se leve aos responsables ante os tribunais e que se pare esta matanza, porque Israel non pode levar a cabo esta ofensiva sen o apoio da UE", sinala Badawi nun comunicado de imprensa conxunto co BNG emitido co gallo da xuntanza desenvolvida entre o representante da FPLP e o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence.

O portavoz da organización frontista tamén pediu que Israel sexa levado perante os tribunais internacionais polo "xenocidio" cometido contra o pobo palestiniano. “Os responsables desta agresión deben ser levados ante os tribunais internacionais e reclamamos ao Estado español e a Unión Europea que esixan a Israel o cese inmediato desta agresión e o cumprimento da lexislación e dos acordos da ONU que, entre outros aspectos, implica o abandono dos territorios ocupados”, salientou Vence.

Pola súa banda, Fayez Badawi demandou unha "condena expresa" dos ataques e o inicio dun "boicot" contra o que definiu como "un Estado ilegal". 

Comentarios