Israel exclúe os palestinos da vacinación pola Covid

Porén, si vacina os colonos das colonias ilegais nos territorios ocupados

EuropaPress_3335005_22_september_2020_palestinian_territories_beit_awa_member_of_the_israeli (1) (1)
photo_camera (Foto: Europa Press)

O plan de vacinación israelí contra o coronavirus alcanzou o 10% da poboación nun fin de semana e avanza a un ritmo de 150.000 vacinas ao día. Datos que ocuparon postos de destaque en medios de comunicación de todo o mundo, salientando o “exemplo” israelí na campaña de vacinación.

Mais non tivo tanta repercusión que ese sistema de vacinación discrimina os palestinos polo simple feito de selo. A vacina non chegará en breve aos palestinos que viven na franxa de Gaza e en Cisxordania, territorios ocupados por Israel. E este non é un problema xeográfico, pois os colonos que viven nas colonias ilegais impulsadas por Israel neses mesmos territorios si que serán vacinados.

A Autoridade Palestina espera superar a situación a través do programa Covax das Nacións Unidas, que ten como obxectivo levar as vacinas aos países máis pobres.

Porén, Gerald Rockenschaub, da oficina da Organización Mundial da Saúde en Xerusalén, considera que esas vacinas chegarán "a principios de mediados de 2021", segundo The Guardian.

As vacinas que se distribuirán a través deste programa aínda non obtiveron a aprobación para o seu uso de emerxencia, condición esencial para que comece un programa de distribución.

No lado israelí, suxírese que algunhas vacinas que quedan poidan ser entregadas aos palestinos. Tel Aviv argumenta que non é responsábel da poboación destes territorios. Porén, como potencia ocupante, si que o é, segundo a propia legalidade internacional.

A situación é peor en Gaza, sometida a un bloqueo inhumano desde hai anos. Alí a vacina aínda pode chegar máis tarde. Os dous territorios traballan xuntos nesta cuestión.

Comentarios