domingo 25/07/21

Israel, o Estado cun "sistema de apartheid" entre o río Xordán e o mar Mediterráneo

Para organizacións humanitarias e activistas polos dereitos palestinos non é novidade, mais que a ONG pacifista israelí B'Tselem faga referencia a un "apartheid en Israel" si o é. Termo tabú na sociedade deste país, o adxectivo –epíteto, para algúns– non é gratuíto: o Estatuto de Roma recólleo como un crime contra a humanidade.
EuropaPress_3457166_30_november_2020_palestinian_territories_gaza_city_palestinian_women_arrive
Palestinas acoden a recoller axuda alimentaria da ONU nun campo de refuxiados de Gaza, en novembro (Mahmoud Issa / Quds Net News)

"Un dos puntos chave na nosa análise é que esta é unha única área xeopolítica xestionada por un só Goberno", apunta Hagai El-Ad, director de B'Tselem. "Esta non é unha democracia cunha ocupación a maiores. Este é un apartheid entre o río [Xordán] e o mar [Mediterráneo]".

A apreciación non é noticiábel pola súa novidade: desde hai décadas numerosas organizacións levan denunciando a situación que se vive nos territorios ocupados de Palestina. A noticia está en que é B'Tselem, a prestixiosa ONG israelí en defensa da paz e dos dereitos humanos, con sedes en Xerusalén e Washington, quen o manifesta agora explicitamente.

Nun informe publicado onte, a ONG racha coa comunmente aceptada diferenza que se fai entre o sistema político vixente en Israel e o dos territorios palestinos. Isto é, un Estado democrático por unha banda e a ocupación militar temporal pola outra. 

"A distinción ensombrece o feito de que toda a zona entre o mar Mediterráneo e o río Xordán está organizada segundo un único principio: facer avanzar e cimentar a supremacía dun grupo ─os xudeus─ sobre outro ─os palestinos─", sostén a ONG.

"Democracia próspera"

Israel leva moito tempo presentándose a si mesmo como unha democracia próspera e puxante, onde a cidadanía palestina ─arredor de 20% da súa poboación de 9,2 millóns de habitantes─ goza dos mesmos dereitos. Na guerra de 1967, Israel apoderouse de Xerusalén Leste, Cisxordania e a Faixa de Gaza, territorios onde residen case cinco millóns de palestinos á espera do estabelecemento dun Estado de seu.

En 2005 o Goberno israelí retirou as súas tropas e os seus colonos de Gaza, mais impuxo un bloqueo dous anos despois logo de Hamas facerse co poder na faixa. No caso de Cisxordania, considera que é un territorio "en disputa" cuxo futuro debe ser determinado a través de negociacións. E a anexión de Xerusalén, que Israel asume no seu conxunto como a capital do Estado, non está recoñecida pola comunidade internacional, ao igual que os asentamentos de colonos en Cisxordania.  

Unha das mostras máis evidentes desta especie de apartheid denunciado desde hai décadas é que a maioría dos palestinos de Xerusalén Leste teñen a cualificación de "residentes" no Estado de Israel, mais non son considerados cidadáns con dereito ao voto. 

O apartheid foi un conxunto de leis vixentes desde 1948 até comezos da década de 1990 que estabelecían un sistema desigual e de discriminación cara a poboación non branca de Suráfrica. 

Esa comparación recorrente entre aquel réxime surafricano e a situación que se vive nos territorios ocupados é tabú na sociedade israelí, mesmo dentro dalgunhas formacións da esquerda, máis proclives a unha solución dialogada e igualitaria ao conflito. Por iso cobra especial importancia que B'Tselem ─oficialmente─ o recoñeza así agora.

Ademais ─ou sobre todo─ ten implicacións máis profundas, fóra do denigrante da acusación, a respecto do dereito internacional: o apartheid é un crime contra a humanidade recollido no Estatuto de Roma (1998), que estabeleceu o Tribunal Penal Internacional.  

"Non estamos a dicir que o grao de discriminación que un palestino ten que soportar é igual se un é cidadán do Estado de Israel ou se un está bloqueado en Gaza", matiza o director de B'Tselem. "A cuestión é que non hai nin un só centímetro cadrado entre o río e o mar onde un palestino e un xudeu sexan iguais". Neste sentido, El-Ad asegura que "queremos mudar o discurso sobre o que está a pasar aquí. Unha das razóns polas que nada se move é que a situación non se analiza adecuadamente". 

A pandemia da Covid-19 é outro claro exemplo do que en Palestina se vive. Nos últimos días, tal e como informou onte Nós Diario, Amnistía Internacional acusou a Israel, líder mundial na vacinación contra o coronavirus, de excluír da campaña a cidadanía palestina de Gaza e Cisxordania.

"O programa de vacinación da Covid-19 de Israel remarca a discriminación institucionalizada que define a política do Goberno israelí cara aos palestinos", sinalou a ONG, que lle pediu responsabilidades como "potencia ocupante". Porén, Tel Aviv lava as mans e argumenta que as competencias sanitarias están transferidas á Autoridade Palestina en virtude dos acordos de Oslo. 

A xustiza israelí prohibe a proxección dun documental sobre unha operación militar

Un tribunal israelí prohibiu onte a exhibición do documental Jenin, Jenin (2003), que relata unha operación militar israelí na cidade homónima, no territorio ocupado de Cisxordania. A decisión chega tras a denuncia por calumnias presentada contra o director do filme, Mohammed Bakri (no centro da imaxe), por un soldado israelí, Nissim Magnaji, participante no operativo  militar "Escudo Defensivo" desenvolvido en abril de 2002.

A cinta recolle os choques mortais entre os habitantes de Jenin e os militares. Tamén acusa a Magnaji de roubar diñeiro dun ancián palestino, razón pola que interpuxo a demanda. A sentenza di que o militar "foi enviado a defender o seu país e acabou sendo acusado dun crime que non cometeu", e ademais considera que outros dos feitos recollidos no documental son falsos.

Israel, o Estado cun "sistema de apartheid" entre o río Xordán e o mar Mediterráneo
comentarios