Israel continúa coa política de ocupación en Xerusalén-Leste e Cisxordania

O executivo de Benjamin Netanyahu anunciou que construiría 1.258 vivendas en territorio palestino e advirte a Palestina que, de continuaren coa idea de conseguiren o estatuto de Estado non membro nas Nacións Unidas, farán como se a Autoridade Palestina tivese afundido.

O goberno israelí continúa co avanzo colonial sob os territorios palestinos e construirá máis dun milleiro de vivendas destinadas a seren ocupadas por cidadá(n)s xudeus. Neste senso, o voceiro do presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbas, asegurou que "a continuación da colonización polo goberno de ocupación incítanos a seguir reclamando os nosos dereitos acudindo á ONU para obter o estatuto de Estado non membro", porén, desde o ministerio de Relacións exteriores israelí advirten que de continuaren con esta idea, farán coma se a ANP tivese afundido.

No entanto, Netanyahu vai alén das declaracións públicas e vén de organizar unha xuntanza cos seus 27 embaixadores na UE para "enfrontar esta iniciativa", para o que prevén iniciar represalias contra o proxecto palestino. Así pois, a Autoridade palestina demanda aos Estados membros das Nacións Unidas que amosen o seu rexeitamento a "esta política israelí sistemática cunha votación aplastante" en favor dun maior rango estatutario na organización internacional.

Aliás, a comunidade palestina exixe que se (re)inicien as conversas de paz e cese a ocupación israelí garantindo que se respecten as liñas fronteirizas delimitadas en 1967. Porén, o goberno de Tel Aviv rexeita calquera "negociación con condicións previas" mais demanda que Palestina recoñeza a súa existencia como "Estado do pobo xudeu" e o mantemento baixo o seu xugo dunha parte do futuro Estado palestino.

Comentarios